Se furamos cara abaixo, por cada 100 metros que baixemos a temperatura ascenderá 3 graos. Este feito (que se aproveita para obter a chamada enerxía xeotérmica) é indicativo de que o interior da Terra está máis quente que a súa superficie, algo que nos lembra o volcán da Palma. De onde sae esa calor?
O noso planeta non é unha estrela (unha fonte viva de enerxía por fusión nuclear), así que podemos caer na tentación de pensar que é un amasillo de pedras e terra que non produce enerxía de seu. Pero non é así: o manto e a cortiza terrestre teñen elementos radiactivos, que ao se descompoñeren xeran o 50 % da calor interna da Terra. O resto sae do rozamento dos materiais interiores (que se están recolocando continuamente) e, sobre todo, da calor residual que quedou do proceso de formación do planeta, que naceu por aglomeración dos cascotes que sobraron da formación do Sol. A fricción xerada nese proceso e na decantación dos materiais máis pesados cara ao interior (que é de ferro, que se fundiu en parte) deu unha calor que aínda se mantén, porque a codia terrestre é unha manta que evita que a calor escape. Os materiais radiactivos son máis pesados que o ferro, pero non caeron para o fondo porque se combinaron con elementos máis lixeiros e o conxunto pesaba menos. A temperatura no núcleo é duns 5.000 ºC, pero o magma non sae de aí, senón que nace entre a parte baixa da cortiza e a superior do manto, onde a temperatura anda entre os 1.000 e 1.500 º C. Iso funde algunhas rochas, e ocórrelles o mesmo que ao pisar un tubo de pasta de dentes.