México conmemora os 200 anos de independencia e o papa Francisco expresou nunha carta ao presidente da Conferencia do Episcopado Mexicano o desexo de que a celebración contribúa a fortalecer as raíces e os valores da nación. Os oito millóns de indíxenas que viven na pobreza e din non ter nada que celebrar, explica a arela do papa e a súa reflexión sobre a necesidade de entenderse con eles, recoñecendo os erros cometidos no pasado, moi dolorosos e que non contribuíron á evanxelización.
A Isabel Díaz Ayuso sooulle a crítica da conquista e colonización española en América e correu a mollarlle a orella a Francisco; práctica común da ultradereita no orbe católico: «Nuestro legado -explicoulle ao papa, por se non o sabía- fue llevar el catolicismo y, por tanto, la civilización y la libertad al continente americano». Pablo Casado, para non ser menos, aproveitou o mitin de clausura da convención nacional do PP na praza de touros de Valencia e, sen nomear a Francisco, rematou a faena largándolle o estoque por elevación: «Desde España no tenemos que pedir perdón, pero tenemos que dar las gracias a una historia común que ha sido el mayor hito de la humanidad después de Roma: la Hispanidad». E 9.000 militantes e simpatizantes aclamárono porque o éxito do populismo non está en dicir a verdade, senón o que a xente quere oír.
O certo é que as distintas instrucións, provisións, ordenanzas e leis ditadas cada pouco tempo por Carlos I foron contraditorias, permitindo unhas e prohibindo outras a escravitude dos indios, ata que as Novas Leis de 1542 a rexeitaron definitivamente; pero as atrocidades dos conquistadores, recollidas polos seus cronistas -que as xustificaban- nada teñen coa misión evanxelizadora de España. A verdade do que foi a conquista expresouna Xoán Paulo II, tan querido pola ultradereita, en Santo Domingo, o 12 de outubro de 1992: «Como esquecer neste V Centenario os enormes sufrimentos causados aos poboadores deste continente durante a época da conquista e a colonización? Cómpre recoñecer os abusos cometidos, pola falta de amor das persoas que non souberon ver nos indíxenas irmáns e fillos do mesmo pai Deus». E Benedicto XVI, carísimo tamén polo catolicismo integrista, na audiencia xeral do 23 de maio do 2007: «Non é posible esquecer os sufrimentos. e as inxustizas que inflixiron os colonizadores ás poboacións indíxenas, privadas dos dereitos humanos fundamentais».
A boa parte da dereita española non lle afectan as palabras de Xoán Paulo II e Benedicto XVI porque entende que disparaban con balas de fogueo; pero cando Francisco pediu perdón en Bolivia, no 2015, cun texto semellante, percibiuno como fogo real. Na carta á conferencia episcopal mexicana, o papa Francisco non pensaba tanto na conquista como na situación actual da poboación indíxena, vítima das políticas dos gobernos mexicanos despois da independencia que, nalgún caso, foi de xenocidio. É o dos indios yaquis, bombardeados, masacrados e deportados para quitarlles a terra e a auga no val do río Yaqui. Estes días, o presidente López Obrador está a devolvérllelas aos 30.000 sobreviventes, que nunca se renderon. Son parte importante do indixenismo que o papa Francisco ve «como unha opción para construír un mundo máis equitativo e humano», e no que Díaz Ayuso ve «o novo comunismo».