Nestes días de volcáns e terremotos nas Canarias xorde en Galicia a noticia da posible aprobación do complexo xeolóxico de Cabo Ortegal como xeoparque mundial da Unesco. Falamos dunha estrutura que se estende por sete concellos do norte da Coruña: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.
Os xeoparques mundiais conforman un programa (xunto cos de Patrimonio Mundial, Patrimonio Inmaterial, Reservas da Biosfera...) da Unesco, o organismo de Nacións Unidas que se ocupa da Educación, a Ciencia e a Cultura. A Unesco decidiu apoiar os xeoparques no 2001, sempre que fosen xestionados de forma sustentable, que fagan divulgación xeolóxica e que favorezan o desenvolvemento local. España conta hoxe con 15 xeoparques, un deles en Galicia: Montañas do Courel, con sede en Quiroga. Dicía Vicente Risco que «Galicia é un mundo», pola variedade dos seus territorios; algo sabería el, que en 1928 fixo unha peregrinación a pé, xunto con Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey, desde Ourense a Santo André de Teixido a carón do cabo Ortegal.
O xeoparque é unha figura que non concede protección legal en España, a pesar de que usan esa falacia os que se opoñen —por mesquiñas razóns— a eles. Non afecta ás actividades forestais, mineiras ou industriais.
A proposta deste xeoparque —con tesouros escondidos como a praia de areas negras de Teixidelo— agromou nos últimos anos, con congresos e publicacións realizados polo Concello de Cariño, e a divulgación efectuada polo xeólogo Francisco Canosa; hoxe apóiano todos os Concellos da zona, máis a Deputación da Coruña. Estes días soubemos que a Comisión Española de Cooperación coa Unesco aprobou tramitar a candidatura do Complexo de Cabo Ortegal a París, á Unesco, o que demostra o bo traballo efectuado en 2021 pola asociación de concellos que preside Alberto González, alcalde de Valdoviño. A esta noticia súmase outra moi recente: o próximo investimento de 1,5 millóns de euros dos fondos Next Generation para a zona do xeoparque.
Queda traballo por facer: sorprende, por exemplo, a ausencia da universidade neste proxecto, cando o Complexo do Cabo Ortegal foi obxecto de 25 teses de doutoramento; cómpre impulsar a divulgación, traballar coas empresas e entidades sociais, cos organismos que artellan o territorio, cómpre transparencia e participación... e integrar ao Concello de Mañón (con Estaca de Bares), que, se ben non comparte xeoloxía cos restantes, a súa exclusión escinde unha comarca que necesita unidade e non separación.
Agora queda a final de París. Estaremos atentos!