Todos os gobernos de España, todos sen excepción, os de Felipe González, os de Aznar, os de Zapatero, os de Rajoy e agora o de Sánchez, atacan a materia de Filosofía, anuncian ou ben directamente a súa supresión ou a deixan como optativa para algún dos bacharelatos ou, directamente, case sen horas lectivas. O mesmo acontece cunha das materias que tiñan que ser máis importantes e radicalmente educativas: Ética. Durante anos era alternativa á Relixión (materia que non pinta nada no ensino regrado, para iso están as parroquias e as mesquitas), logo tivo un certo momento de lóxica coa asignatura de Educación para a cidadanía, rapidamente eliminada polo PP en canto chegou ao poder para meter máis horas de relixión.
E coa Lei Celáa, máis do mesmo: a materia de Filosofía queda en nada, e, en troques, o Goberno planta unha nova asignatura: Economía y emprendimento. Como se unha cousa fose contraditoria coa outra, como se aprender a pensar criticamente fose incompatible con emprender o que se queira emprender. É máis, probablemente un emprendería calquera cousa mellor (empresas, a súa decisión electoral, o que sexa) se é quen de pensar correctamente.
A Filosofía naceu ao tempo que a democracia. Este dato é fundamental. E sen filosofía non hai democracia. A ecuación é así de simple. Por iso é máis necesaria ca nunca. Especialmente entre a rapazada, exposta a unhas redes sociais onde navegan libres informacións falsas, bulos ata o aburrimento e a extrema dereita, aproveitándose de todo iso para captar cidadáns acríticos que aceptarán calquera cousa.
A Filosofía serve para que a rapazada aprenda a pensar por si mesma, dun xeito libre e crítico. A Filosofía serve para facer cidadáns autónomos, donos de seu, imposibles de manipular, capaces, pois, de gobernarse a si mesmos. Como diría Kant, maiores de idade, é dicir, alleos a toda tutela. Alleos aos poderosos. Alleos á relixión. Alleos a quen quere privalos do seu dereito á racionalidade. A Filosofía podería servir, neste instante histórico onde a mediocridade política goza dos favores populares, para construír xente adulta capaz de ser máis esixente dende moitos puntos de vista, tamén dende os políticos.
Igual por iso todos os gobernos atacan á Filosofía. Porque o que queren é cidadáns submisos, obedientes cegos, doados de manipular. Alumnas e alumnos que repitan coma cacatúas o aprendido (máis ben, o memorizado) nas aulas. Non queren seres que se cuestionen, por exemplo, o que aprenden. Non queren, en definitiva, unha cidadanía preparada, culta e crítica. Iralles mellor sen ela.