A política faise con políticos. Vaia afirmación obvia!
Non vaian pensar, non, que ultimamente... a política faise contra os xornalistas.
Hai uns días, Gabriel Rufián, en comparecencia para a prensa, dicíalle á xornalista María Llapart que xa lle respondería tomando un café. Ao pouco, recapacitaba e pedíalle perdón, pois fora irrespectuoso e paternalista.
Pero... como os hábitos acaban por impoñerse esta non era nin moito menos a primeira vez que acontecía algo polo estilo, ao día seguinte o mesmo político volveu encararse a outro xornalista, acusándoo de traballar para un medio de comunicación que alenta ideas políticas contrarias ás del.
É imposible que os medios non teñan orientación ideolóxica, pois os medios, alén de entes, están formados por persoas que deberan ser totalmente obxectivas no seu traballo. Tarefa complicada, si, pero, ao que pregunten, débeselles contestar. Porque a política faise con políticos, cos políticos, e contra políticos da oposición. O xornalismo é outra cousa.
Hai un par de noites, a portavoz do PP no Congreso, ante unha pregunta de Xabier Fortes, acusábao de branquear a ETA. Despois dunha lea considerable, Cuca Gamarra admitía a posibilidade de terse excedido. Quizais, dixo.
Eu, sen ningunha dúbida, digo que as grandes políticas non se fan enfrontándose aos xornalistas, senón coñecendo datos, historia, rebatendo e, sobre todo, contestando. Ao xornalistas, si, que tamén son a voz do pobo, a nosa voz. Así que vostedes, contesten. Asertivos e inofensivos.