E así, correndo, remataron as festas. De súpeto o 2022 xa leva unha semana connosco e nós, a pesar dos propósitos do novo ano, asistimos impasibles ao espectáculo de como todo segue máis ou menos igual. Políticos que pelexan porque si, restricións que cambian segundo alumee o sol, unha fenda social cada vez máis grande, e ese desasosego constante que dalgún xeito nos acompaña a todos.
E eu, por se acaso, pedinlle aos Reis Magos que me axudaran a mandar marchar esa última parte, a do desasosego, pois as outras, por desgraza, non as podo controlar.
Imaxinei a carta que non cheguei a escribirlles, e nela só puxen dous desexos: que aprendamos a acougar e que teñamos saúde. Pois non sei se vos pasa a vós, pero nestes últimos meses sinto que estamos aínda máis sensibles do que estabamos hai un ano. Por unha banda están os que consideran que a culpa do desasosego a teñen os outros (o virus, o prezo da luz, o illamento); e por outra están os que entenden que sentirse así é humano, e que ninguén ten a culpa de como se sinta un. E a verdade é que é complexo pensar que só nós mesmos podemos loitar contra a constante sensación de querer axitarse (ou enfadarse) por algo ao que, noutro momento das nosas vidas, non lle dariamos ningunha importancia.
Onte non cheguei a ver, na árbore de Nadal que non puxen, se pasaran os Reis a deixarme os regalos que pedín. Pero coido que si o fixeron, porque hoxe espertei tranquila, sen dor de cabeza, e coa teima de que tiña que acougar, porque a outra opción non conduce a nada máis que cansazo. E logo pensei que oxalá sexamos capaces de aquietar as nosas mentes para poder desfrutar, pacientemente, da beleza do cotián.