O 10 de febreiro faleceu, aos 92 anos, en Lisboa, onde nacera, a profesora Elsa Gonçalves, investigadora preclara da lírica medieval galego-portuguesa. Xa dorme fóra quen, ao longo de décadas, escribiu páxinas rigorosas e esclarecedoras sobre voces poéticas do noso Medievo (Martín Codax, Don Denís, Joán Servando, Afonso X...) e iluminou aspectos codicolóxicos e ecdóticos sobre a Tavola Colocciana e o Cancioneiro da Ajuda. Chegou ao noso espléndido universo lírico medieval, en Roma, da man de Giuseppe Tavani, Luciana Stegagno Picchio e, sobre todo, de Aurelio Roncaglia, sempre á beira de Anna Ferrari, a douta provenzalista.
Nos medios universitarios galegos e entre moitos letraferidos, Elsa Gonçalves é coñecida e admirada por un libro «escolar» no que moitos profesores e eruditos aprenderon a ler a nosa poesía medieval: A lírica galego-portuguesa. Textos escollidos (Lisboa, 1983), libro moi reeditado. O seu primeiro encontro cos filólogos e escritores galegos foi no celebérrimo Congreso de Trier (Alemaña) no mes de novembro de 1980. Alí iniciou a súa amizade, entre outros, con Ramón Piñeiro, Antón Santamarina, Ramón Lorenzo e Xosé Filgueira Valverde, sobre o que pronunciou, anos despois, en Pontevedra, unha conferencia na que, sobria e rigorosa, lle facía xustiza ao saber medieval do ilustre estudoso pontevedrés.
No ano 2017, a Real Academia Galega publicou un número especial do seu boletín co título Estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses no que se recollían trinta traballos de investigación da profesora homenaxeada. Fíxose a entrega oficial, na Universidade de Lisboa, o 19 de xaneiro dese ano, data na que a profesora cumpría 87 de idade. Asistimos, pola Academia, Rosario Álvarez, Xesús Ferro Ruibal, Henrique Monteagudo e mais eu, presidente da institución e prologuista do volume. Nunha cea (jantar en portugués), Elsa Gonçalves, sempre sabia e modesta, agradeceu «inmenso» este recoñecemento galego e tivo palabras nobres e fermosas para os amigos que coñecera en Trier (Benito Varela Jácome) ou ao ano seguinte (Carlos Casares). Parte da súa conversa gratulatoria dedicoulla a «don Ramón Piñeiro», por quen sentía devoción. Desde hai días a medievalística literaria está de loito.