Constituída en 2021, retomou hai uns días os seus traballos no Congreso dos Deputados a Comisión sobre o Plan de Vacinación en España contra o covid-19. Baixo a presidencia do pontevedrés Guillermo Meijón, compareceron varios expertos, como a galega María Jesús Lamas, directora da Axencia Española do Medicamento. Levaba a comisión unha vida plácida e diletante (nos vídeos pode verse como dos 18 deputados da comisión só están presentes 5, entre eles —honra dicilo— a farmacéutica lucense Ana Prieto) ata que o pasado 8 de febreiro unha intervención desatou a polémica. Foi a de de Joan-Ramón Laporte, catedrático de Farmacoloxía na UAB, e que foi xefe de Servizo do Hospital Vall d'Hebron de Barcelona. Xubilado hoxe, con 74 anos, é profesor emérito.
Comezou Laporte cunha longa enumeración dos seus méritos, algo inusual, e soltou varias perlas: negou o carácter de vacina aos preparados de RNAm de Pfizer e Moderna por non responder á definición de «vacuna» que ten a RAE; cualificou de «experimento» o plan de vacinación, negou que os ensaios clínicos demostrasen que estas vacinas evitan a mortalidade, salientou nos seus gravísimos efectos secundarios, denunciando incluso a connivencia das axencias reguladoras, como a prestixiosa FDA americana e a EMA europea. Unha confabulación planetaria.
Se a énfase nos efectos secundarios era previsible por ser a súa dedicación profesional, as demais excentricidades foron aplaudidas nas redes por antivacinas de toda pelaxe.
É certo que Laporte é un polemista habitual, anunciando a apocalipse ante a comercialización de cada novo medicamento, por máis que sexa un ventaxista, pois está claro que só a partir de meses e anos de uso se descubrirán efectos secundarios importantes, algo imposible no máis perfecto ensaio clínico. Pero iso é así sempre: os medicamentos non son auga, teñen un cociente beneficio/risco que é o que se avalía antes de autorizar a súa comercialización. A vella Aspirina, comercializada por Bayer desde 1899, ten efectos secundarios que levaron, co tempo, a restrinxir o seu uso en determinados casos. Mentres tanto, os beneficios contra a dor, a febre, a inflamación e incluso na prevención de infartos cardíacos son innumerables, salvando a vida de moita xente.
Laporte, nos días seguintes, tivo que desculparse, alegando que non era antivacinas. Pero o vídeo da súa perorata foi eliminado pola plataforma YouTube e Iker Jiménez, atento sempre a casos de histrionismo bizarro, invitouno ao seu programa de televisión. Así andamos.