Hai refuxiados e refuxiados

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Lorena Sopêna

07 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai refuxiados e refuxiados. Como hai estranxeiros e estranxeiros. Ninguén ten problema con eses estranxeiros que xogan ao fútbol aquí, aínda que non paguen á Facenda pública (Cristiano, Messi). Sabémolo dende hai ben de anos: non hai xenofobia, o que hai é aporofobia, odio aos pobres. Se o estranxeiro vén nun iate máis grande que o teu piso, ten criadas e persoal medio escravizado, pois non pasa nada. Se quen vén pedir asilo aquí non ten un peso e está tan empobrecido que nin para limpar os váteres do iatea antes citado o consideran, pois mellor que non se achegue. Porque ata a pobreza está xerarquizada. Polo xeral, por cores. Non de pel. De billetes.

Todo isto a conta dos refuxiados de Ucraína. Que hai que acollelos, por suposto. Non hai dúbidas ao respecto diso. E deben facelo todos os países, non só os que fan fronteira con Ucraína. Se a guerra é global, a axuda ten que ser igual de global. Así o entenden os nosos políticos que se apresuraron a pedirlle ao Goberno español que lidere o asunto. Fíxoo Rufián o primeiro día da invasión. E Ayuso ofreceu o Zendal para acollelos, que eu sempre pensei que era un hospital moi moderno pero, en fin, seica vale para todo.

Así pois, chegados a este punto, volvo ao comezo e pregunto, por que os países de Europa non teñen problema ningún para acoller refuxiados ucraínos e si refuxiados africanos ou árabes? Porque, case que todos veñen escapando dalgunha guerra, por iso teñen o estatuto legal, precisamente, de refuxiados. En África e no Sahel, a día de hoxe, hai activas 10 guerras. Algunhas delas, dende hai tanto tempo que nin sequera temos memoria. A saber: Camerún, Etiopía, Mozambique, Siria, Yemen, por só citar uns cantos. Guerras inmemoriais e eternas nas que quen fai caixa, por certo, son os fabricantes de armas que, ouh causalidade, son todos países occidentais que o mesmo te apoian unha ONG para actuar alí que venden uns tanques, uns morteiros que, total, la pela es la pela. Pero desas guerras ninguén se lembra moito. Quizais porque pensamos que non nos afecta. A de Ucraína percibímola doutro xeito. A pregunta que moita xente se fai é: vai tocarnos a nós?, estará tan tolo como para meternos o Putin ese nunha lea nuclear? Non é casualidade que ás poucas horas de iniciarse a invasión, era trending topic en Twitter o hastag #terceraguerramundial.

Seica esta guerra sentímola como guerra porque pode chegarnos a porta de casa, e porque cando Putin di que activa unha alerta nuclear fáísenos consciente a magnitude dun desastre do que podemos potencialmente formar parte. Non o percibimos así no caso dos outros desastres.

Non percibimos os milleiros de mortos desas guerras invisibles, que son milleiros, e dende hai ben de anos. Podemos buscarlles explicacións xeopolíticas ou as máis obvia: son negros, son árabes. No fondo, á vella e clasista Europa non lle interesa esa xente. Non nos gusta a súa cor. A non ser que se chamen Benzema. Daquela, si, claro. Porque a cor, neste caso dos billetes, si que nos interesa…