Antía Cal, in memoriam

OPINIÓN

Oscar Vazquez

01 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Centos de amigos e admiradores sabíamos que a grande Antía Cal Vázquez (La Habana, 18-4-1923) tiña moi quebrantada a súa saúde desde hai algún tempo, e a mañá do mércores chegounos a noticia do seu pasamento. A miña familia pasou horas e horas coa súa, nun principio tamén co seu home, o eminente oftalmólogo Antón Beiras, falecido o 1 de abril de 1968, con 52 anos. Hoxe están de loito as musas do ensino primario en Galicia, actividade á que Antía (Tita) dedicou o mellor da súa vida desde 1961, ano no que ela e Antón, aquel cidadán excepcional, inauguran en Vigo o colexio Rosalía de Castro.

A clase media de Vigo asistiu a aquelas aulas por certos xeitos pedagóxicos novos naquela altura e tamén, ou fundamentalmente, pola metodoloxía e a eficacia do profesorado de inglés. E alí os alumnos, fillos de vigueses da clase social castelánfalante, oían acotío, no acontecer extra académico, falar en galego con naturalidade a Antía, aos seus pais e ás súas cuñadas, Ita e Margarita, profesoras do centro. Eses alumnos, aínda adoutrinados en castelán (o imperio da lei), recibían clases en aulas denominadas, moi conscientemente, Manuel Murguía, Castelao, Padre Sarmiento, Concepción Arenal, Bertrand Russell, esposos Curie..., denominacións que, polo menos en tres casos, revelaban unha concepción moi demótica (e moi galega) do acontecer histórico: labregos, mariñeiros e irmandiños. Xa a partir de 1970, malia a ausencia do grande Antón Beiras, Antía institúe, no seu centro, uns cursos de verán que se nutriron das mellores voces da pedagoxía galega e catalá do tardofranquismo (Gonzalo Anaya, Marta Mata...).

Pero Antía (a nosa Tita), antes da experiencia do colexio Rosalía de Castro, protagonizou un feito pedagóxico insólito na época: redacta, na lingua dos labregos, dos mariñeiros e da rebelión irmandiña, unha Enciclopedia pró neno galego, premiada polo Centro Galego de Caracas no ano 1958. Do mesmo ano é un artigo pioneiro do doutor Beiras, o primeiro de tema médico escrito en lingua galega: Ensaio pra mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo. É de elemental xustiza unir estes dous nomes, o da profesora Antía Cal e o do doutor Antón Beiras. Por iso, as memorias da ilustre pedagoga se titularon, en 2006, Ese camiño que fixemos xuntos (Galaxia).