«Televellos»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

08 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os horrores dunha guerra con grande compoñente telemática seica deixaron en segundo plano outro asunto importante relacionado coas TIC: o da relación entre as entidades bancarias e os seus usuarios non preparados para manexaren dispositivos electrónicos en rede.

En tempos de axitación socio-económica coma os actuais apareceron manifestacións de xenreira contra bancos que ofrecen unha comunicación efectiva, e con resposta inmediata, a través dos seus espazos na web. Calquera usuario cun dispositivo electrónico fixo ou móbil, mesmo de pequeno tamaño (un teléfono celular de hoxe é un potente ordenador compacto: por iso é tan caro), conecta co banco e realiza unha longa lista de operacións con absoluta seguranza. Daquela, logo, ¿por que as protestas?

Cómpre recordarmos que cando os bancos iniciaron o servizo de «banca telefónica» ninguén protestou, pois xa se supuña que usuarios novos e vellos sabían marcar un número de teléfono. Certo que a sofisticación da «banca electrónica» complica a dixitación de datos, mais hoxe hai moitos televellos que, con humildade e paciencia, empeñáronse en aprender informática caseira. O problema social está só nos anciáns que por fraqueza mental non deron entendido tal necesidade; e nos que —coitados— por fachenda se negan a «andar con eses trebellos».