Cunha curiosidade mesmo morbosa, non deixo de ver unha e outra vez o vídeo que recolle a reunión entre Putin e o seu ministro de Defensa. Están a discutir a estratexia militar de Rusia en Mariúpol e o dirixente ruso amárrase á mesa coa súa man dereita nun xesto que, é certo, non parece moi normal e se cadra podería confirmar as sospeitas de que o mandatario ruso está enfermo, cando menos, de párkinson.
Nas últimas semanas moita xente ten albiscado máis doenzas na súa cara inchada e no seu xeito de camiñar co brazo esquerdo pegado ao costado, nunha curiosa inmobilidade que contrasta coa xesticulación libre e un pouco espaventada do dereito.
Un almirante británico mesmo se atreveu a insinuar a relación directa do seu sistema inmunolóxico deprimido co inicio da guerra en Ucraína. Sumaba así a posibilidade concreta dun cancro que convertía a Putin nun home con présas, algo que non resultaría moi tranquilizador porque é doado cavilar na desesperación de alguén que, sen moito que perder, podería estar disposto a levar por diante unha boa parte do mundo con eses mísiles satánicos capaces de borrar países enteiros con só tocar un botón con ese tremor incerto das mans.
Hai quen se atreveu a adiantar a nova de que o dirixente ruso xa se trasladou coa familia a un búnker subterráneo de alta tecnoloxía en Siberia apto para sobrevivir a unha guerra nuclear.
Non sei se nestes agoiros sobre a saúde de Putin hai máis desexo que realidade, pero coido que resulta un pouco infantil descargar toda a orixe da guerra nun cancro de tiroides ou no párkinson. Non creo nesas especulacións tan sensacionalistas porque estou convencido de que Putin tamén é narcisista e sabe que hai destinos peores que a morte, como pode ser o odio de toda a humanidade.