Como era de esperar, o Goberno destituíu á directora do CNI. Fíxome rir a sorpresa mostrada por algúns políticos da oposición porque era de libro que ela ía caer. É como cando se xoga ás agachadas. Se te pillan, apandas. Pois iso. Pillárona. Que apande. Dende o primeiro instante tivemos claro que o CNI estaba detrás e que ela era a cabeza responsable, cando menos dende un punto de vista orgánico. Ademais, Margarita Robles, que debería ser a seguinte en dimitir, naquel famoso lapsus linguae do Congreso dixo que o normal é que o Estado espíe se se ve ameazado. E o independentismo, seica, é unha ameaza para o Estado. Conclúo, pois, que os políticos de ultradereita, que xa manifestaron o seu desexo de acabar co Estado das autonomías (está na Constitución) e os sindicatos (está na Constitución) estarán sendo espiados. Que menos. Se o Estado quere protexerse, que o faga de todas as ameazas, non só das que promulgan independencias e referendos.
Caída a directora do CNI, o máis interesante foi escoitar a Robles xustificando, malia o despedimento da xefa dos espías, que dalgunha maneira o que pasou é «un mal dos tempos que andamos a vivir». A frase foi algo así como que «coas novas tecnoloxías todos somos máis vulnerables», ou sexa, que como todos levamos móbil, a nada que nos despistemos vén o Pegasus e métesenos dentro. Ou sexa, a ministra dinos algo así como que o CNI é como as cookies do Facebook ou de Instagram, que ao aceptalas se nos meten dentro e nos personalizan a publicidade e nos len os wasap para así sacarnos mellor os cartiños. Pero a comparación é, cando menos, arriscada. Ou quizais é que nos toma por parvos. Porque unha cousa é que eu lle diga a Zuckerberg que lle cedo parte da miña privacidade ao subir fotos lucindo tipito mentres meto barriga para que non se me note, e outra moi distinta que o CNI poida acceder a esoutras fotos que non amoso en redes pero si á miña parella ou a quen me pete, que coas miñas fotos fago o que me peta.
O asunto de Pegasus é un dos maiores escándalos na historia da democracia, porque por primeira vez constatouse xa non só que o Goberno nos espía, senón que o fai dun xeito, digamos, selectivo, poñendo no seu punto de mira aquelas actitudes políticas afastadas do que se considera «español» ou sexa, o centro ideolóxico que representan PP, PSOE ou Ciudadanos. O resto, segundo o CNI, somos sospeitosos por definición, e debemos ser espiados. Por vulnerables, seica.