O dicionario da RAE define a chantaxe como «presión que se ejerce sobre alguien mediante amenazas para obligarlo a actuar de determinada manera y obtener así dinero u otro beneficio». Esa presión é considerada delito polo Código Penal español, que establece diversas penas segundo as circunstancias.
A presión con ameazas é o pan noso de cada día na vida política española, pero xa non se considera delito, senón unha especie de transacción económica, ou de intercambio de favores. Por exemplo: eu douche os votos e ti dásme a cabeza dunha funcionaria exemplar. Ou tamén: eu mantéñote no poder e ti dásme un posto na comisión de segredos oficiais; xa saben, cousas así. As dúas partes obteñen beneficios, os prexudicados son sempre outros: os cidadáns en xeral ou a funcionaria cuxo cese se atribúe a calquera causa, que ninguén cre, pero que todos tragamos.
Agora fíxose público que ao presidente Sánchez espiáronlle o móbil nunhas datas que coinciden coas do cambio de postura do Goberno respecto ao Sáhara Occidental: da neutralidade mantida por España durante cincuenta anos a avalar os plans de Marrocos. O cambio explicouse como un intercambio de favores, pero a España orixinoulle máis problemas que beneficios, entre outros a inimizade con Alxeria, o noso principal provedor de gas. Por iso, algúns analistas políticos pregúntanse se no móbil de Sánchez había «algo» que explique ese cambio. Ou sexa, pregúntanse, aclaro que como simple especulación, se Sánchez, ademais de espiado, foi chantaxeado.