O pasado, incluso o máis recente, está sendo obxecto de revisión continua, cambiando a historia se houber lugar, omitindo protagonistas e magnificando outros. Lembremos. Ata tempos aínda próximos, o crecemento das cidades acadou cotas de barbarie urbanística expresada en ensanches e «milladoiros». Ante a ganga aparente de prezos de vivenda sen ningún compromiso urbanizador por parte dos promotores, moitos habitantes fuxiron aos municipios periféricos. Este non foi un fenómeno galego nin español, senón global. Alí onde se presentou como alternativa un planeamento serio e rigoroso dicíase que non se deixaba edificar; non se podía facer, claro, daquela maneira, e as localidades veciñas fixeron a competencia co beneplácito das outras administracións. Así, as urbanizacións marxinais fóronse convertendo en pequenas cidades ata que, recentemente, aprenderon a medrar con racionalidade.
A fusión de concellos volve aparecer como un tema recorrente. Nas grandes cidades é complexo, porque se trata de unir municipios lindeiros con poboacións de máis de seis cifras. Nestas pódese falar de áreas metropolitanas. En Galicia non pasa iso: a contorna das cidades centrais está costelada por outras poboacións menores, todas rodeadas de masas forestais ou de terras de labor divididas por pistas de concentración parcelaria, ou polo mar.
A fusión municipal formulada como unha disxuntiva, si ou non, leva a posicións equívocas e aos conseguintes estudos estratéxicos que, as máis das veces, terminan arquivados. Estamos ante un asunto eminentemente político que hai que afrontar desde agora, non adialo a medio ou longo prazo, xa que se trata do porvir inmediato dos cidadáns que coinciden diariamente no traballo, no consumo, no ocio e no goce da cidade. Como tal problema político, demanda un «esforzo territorial» de cada municipio implicado, comprometendo as outras administración para aproveitar os recursos de Europa a fin de propiciar economía en torno á nova mobilidade, ao aforro enerxético e a unha sustentabilidade práctica. Os fondos Next Generation débense asignar con esa óptica de 360 graos.
Todo ten que ver con todo. Eludir facer fronte a esa dificultade equivale a renunciar ás ideas transformadoras. Trátase da gobernanza de amplas áreas territoriais urbanas e agrícolas que se nutren de economías relacionadas e que van máis alá do planeamento que urbaniza, dá licenzas e crea dotacións, máis alá de ver o territorio agrícola como un arsenal de solares. De entrada, nin leis nin plans. Sinxelamente, poñerse a falar.