Custa anos liberarse da tendencia á vixilancia dos réximes totalitarios. Esa policía de balcón, esa ollada tralas cortinas, ese radar de mesa. O franquismo, igual que sucedeu no Berlín do Leste ou na Francia ocupada, logrou transcenderse na necesidade de estar pendentes das vidas alleas, o que foi, seguramente, o segredo do éxito da brutal represión que converteu España nun país de silencios en que o prudente era vivir con medo. Estar alerta. Desconfía e acertarás. Non é preciso lexislar nada cando ser libre depende da veciña de porta con porta. É o furtivismo da vida dos outros.
O Código Penal, no seu artigo 197.7, tipifica como delito o feito de que alguén, «sen autorización da persoa afectada, difunda, revele ou ceda a terceiros imaxes ou gravacións audiovisuais daquela que obtivese coa súa anuencia nun domicilio ou en calquera outro lugar fóra do alcance da ollada de terceiros, cando a divulgación menoscabe gravemente a intimidade». Ou sexa: que é delito difundir o vídeo de sexting do actor Santi Millán. Non pensen que o sexting é, eu que sei, un asasinato: só é unha práctica sexual inofensiva e divertida, que debe de existir desde os irmáns Lumière, de gravarse tendo sexo.
Á xente dálle igual que difundir ese vídeo sexa delito, porque é máis importante lanzar a un actor famoso a mensaxe agresiva e abusiva propia dos totalitarios («vixiámoste»), sumada á crenza pailana de que ao famoso, no seu exorbitado salario, lle vai incluído o prezo da súa intimidade. Engádanlle tamén a absurda relación deste país nacional-católico co sexo e con toda esa cousa perversa do pecado que só o é cando se sabe, motivo polo que volvemos ao comezo de toda esta absurda historia: a vixilancia de a patacón, casposa, facha e, sobre todo, hipócrita.