Turismo comprometido

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

17 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O mercado non regula a ambición sen límites. Xa hai moitos anos que os centros urbanos se converteron en fábricas de plusvalías inmobiliarias que, coas crises, engordan co diñeiro que procura refuxio. Os habitantes das cidades estamos constrinxidos pola afluencia de toda clase de xentes e actividades. Asistimos á alteración dos usos cotiáns: terciarización masificada e moitas veces banal que desprazou o comercio local, desviación dunha parte do parque residencial para rendas exclusivas en detrimento do alugueiro normal, substitución do espírito da cidade por algo global que asusta.

Non hai que tomala cos turistas porque son un reflexo da sociedade mesma: mozos e maiores, ruidosos ou tranquilos, culturais e festeiros, nocturnos ou diúrnos, groseiros ou educados, mesmo os hai propensos á algarabía que pretenden facer aquí o que non poden facer nas súas cidades de procedencia. No fondo, a actitude do residente autóctono verbo do turista garda relación co beneficio que se poida obter. As terrazas das que tanto gozamos ou a preferencia por albergar turistas en vez de veciños ou estudantes favorece a concidadáns alleos aos fondos voitres. Pode ser simple cobiza, a solución para unha herdanza indivisible ou un ingreso adicional a unha pensión escueta. Ora ben, nin o chamado sector por antonomasia, nin os turistas nin as persoas en particular poden facerse donos dos centros. Cando o individualismo se implanta, cando cadaquén vai ao seu —incluso a empurróns—, o uso ordinario da cidade vaise das mans. Ante este estado de cousas, todos temos que nos preguntar, como individuos, como colectivo, como cidadáns, se o estamos a facer ben e se esa tendencia corporativa a dar a razón en todo á veciñanza segundo a afinidade política non estará encubrindo certa forma capciosa de «individualismo colectivo». As administracións deben garantir o cumprimento das ordenanzas con medios humanos e de proximidade, pero cómpre dar un paso máis. É obrigado acadar un pacto entre os poderes públicos, a cidadanía e o tecido empresarial turístico para infundir na exposición de motivos de cada unha desas normas, e na parte dispositiva, un argumento patrimonial e cultural que derive nun compromiso concreto subscrito por todas as partes, nunha interacción público-privada que ata agora é unívoca. Sen ese compromiso estamos abocados ao fracaso.