Escoller carreira

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Chema Moya | EFE

21 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o intre de escoller carreira universitaria para moitos rapaces. Xa superaron a proba equivalente ao preuniversitario antigo, que se pasaba a peito descuberto. Na nota final para acceso á universidade hoxe hai unha falacia: a media coas dos cursos anteriores, que se poden inflar (como seica se fai nalgúns «privados»). Con todo, hai nota de corte, e a tentación de escoller o que está de moda ten un crecente prestixio social.

 O fenómeno non é soamente galego. Prodúcese en toda España e vale para moitos campos do coñecemento. Concretándoo ao relacionado coas TIC, están altísimas as notas de acceso ao ensino relacionado co software (palabra difícil de traducir), máis do 10, en canto as de electricidade, electrónica e telecomunicacións fican a rente do 5. A xente devece, por exemplo, pola intelixencia artificial (que sempre existiu aínda que limitada pola potencia cativa dos ordenadores), mais esquece que, para que haxa IA, fan falta investigación e enxeñería no eido do hardware: cómpre inventar, construír, alimentar e manter dispositivos e redes.

Para arredondar o paradoxo, no eido desa aparellaxe tanxible é onde hai maior demanda de cerebros, máis estabilidade e mellores salarios: algo do que as universidades deberían informar os bachareis e os seus pais.