Co apóstolo Santiago en Compostela

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O luns, día 25 de xullo, é o día do apóstolo Santiago e os católicos do mundo celébrano con solemnidade. Porén, coido que Santiago, malia ser evanxelizador, protector e patrón das Españas, viviu, morreu e estivo case sempre baixo a sombra dun mal fado. Foi o primeiro apóstolo martirizado e cando os discípulos trouxeron o corpo de Xerusalén a Galicia, e despois de aturar as falcatrúas da chamada raíña Lupa, conseguiron enterralo e facerlle un panteón, quedou esquecido máis de 800 anos. Descubriuse milagrosamente e o rei Alfonso II mandou construír para el unha capela, orixe da catedral; pero en 1589, por medo a un ataque do pirata inglés Drake, o bispo Juan Sanclemente e o cabido acordaron escondelo; e tan ben o fixeron que estivo perdido ata o ano 1879, en que o atopou o coengo López Ferreiro. Só o roubo do Códice Calixtino, en 2011, por un exelectricista da catedral, que ademais chorizou 1,7 millóns de euros, iguala tal desatino. O papa León XIII andaba coa mosca na orella e tardou en recoñecer a autenticidade dos restos; pero fíxoo e en 1884 chamou á peregrinación a Compostela.

Non remataron aí as coitas do apóstolo porque en 1617 e 1627, despois da beatificación e canonización de Teresa de Ávila, os carmelitas descalzos reclamaron para ela o copadroado de España. Tiveron a favor a Felipe III, Felipe IV e o Conde Duque de Olivares; en contra a catedral de Compostela, notábeis teólogos e a Quevedo, que enviou un enérxico memorial ao rei. Porén, en tres ocasións houbo de compartir Santiago o padroado con Teresa: en 1618; de 1627 a 1629; e de 1812 a 1816, despois que nas Cortes de Cádiz a apoiasen os liberais, encirrados en combater todas as tradicións. Sería Fernando VII, o rei felón, quen nomease a Santiago patrón único de España.

No Ano Santo de 1999, Manuel Guisande, reporteiro do Xatentendo.com, suplemento de humor de La Voz de Galicia, entrou unha noite na catedral e entrevistou ao apóstolo no Pórtico da Gloria. Santiago faloulle do agradecido que estaba ao papa Xoán Paulo II, o primeiro que viaxou a Compostela; e da emoción que sentira ao ver ante el a Francisco de Asís, o Cid Campeador, os Reis Católicos, o crego Angelo Giuseppe Roncalli, futuro papa Xoán XXIII…

A peregrinaxe con máis engado que coñezo é a da Virxe co neno. En Pontevedra María arrolouno cun canto de berce e un reiseñor que a escoitaba aprendeu o seu canto. Por iso o reiseñor é o mellor cantor entre os paxaros. Non sei se ma contou Cunqueiro ou Basilio Losada. Aos dous lles acae.