Especie en extinción

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo con preocupación unha reportaxe demográfica galega e fágoo nun hospital, xusto na planta de obstetricia, unha palabra que ten algo de eufemismo e parece xurdida dunha mala lectura desas receitas que asinan os médicos con letras inintelixibles, como escritas por un cativo. Malia que este é o concepto axeitado, prefiro a palabra maternidade para me referir a estes lugares que, case sempre, son unha illa de felicidade nos hospitais. Aquí, coa música de fondo dos laios dalgúns bebés, non resulta doado darlle creto á noticia de que en Galicia hai tres mortes por cada nacemento. É dicir, pasamos máis tempo nos enterros que nestas salas. As razóns deste descenso de cativos seica van dende mudas nas crenzas relixiosas, maior control da natalidade, incorporación ao traballo da muller, problemas no acceso á vivenda, inestabilidade laboral, salarios baixos, axudas escasas, difícil conciliación, aínda que, neste punto, hoxe xa estamos entre os países punteiros en relación aos permisos por nacemento.

Cando se fala de fillos, un cae na tentación de comparar estes tempos cos seus e acusar a estas xeracións de egoístas por poñeren o lecer, as viaxes ou as carreiras profesionais diante da prioridade de formar unha familia. E isto non é xusto, sobre todo para a muller, que sempre é a que máis sacrifica nesta decisión tan persoal, e moito máis cavilada ca no pasado. Como di un meu amigo, para ser nai ou pai non se precisa unha oposición. Calquera o pode ser. O difícil é facelo ben e pensar que estas criaturas que veñen ao mundo van ter as condicións necesarias para unha vida digna. Esta é a clave e escribo isto, emocionado, porque teño ao meu carón a Aldán, o primeiro neto, e négome a pensar que el xa pertenza a unha especie en extinción.