Levo uns días dándolle voltas ás razóns polas que tendemos a xulgar por xulgar, ás veces dun xeito tan indesexable coma violento. Non falo da xustiza, nin dos criminais; falo de xulgar o cotián, da nosa teima con axuizar a xente e as súas accións no seu día a día.
Séntese sobre todo nas redes sociais, aínda que tamén está moi presente no mundo real, e esta semana preguntábame se unha cousa estaría relacionada coa outra... É dicir, sempre fomos así, sempre criticamos, pero o feito de que todos os días haxa centos de miles de persoas xulgando a outros centos de miles, polas razóns que sexa, supoño que dá pé a que teñamos normalizada a reacción de xulgar sen pensar, sen reflexionar no que iso supón, sen ter en conta as circunstancias.
Non sei se a crítica destrutiva xa estaba aí antes de que todas as televisións a normalizaran na política, no corazón, na cultura e na sociedade. Supoño que si, pois a historia de calquera aldea, vila ou cidade, ensínanos que o xuízo informal do pobo é tan poderoso coma para facer sentir a alguén que non pertence a unha comunidade. Pero estes días pensaba na frase de Ortega y Gasset «Yo soy yo y mi circunstancia», e no importante que é entender as circunstancias dun para poder aprender a non xulgar (ou criticar) ao outro. Pois todos somos vítimas e verdugos deses xuízos populares, non só as persoas públicas, e nesta realidade complexa na que vivimos, na que sobrevivir xa é complicado, que necesidade temos de gastar a nosa enerxía en xulgar a aquel que decide vivir a súa vida ao seu xeito acorde coas súas circunstancias? E logo non somos todos libres de construír a felicidade no contexto no que nos tocou vivir?