Vinte e cinco graos

OPINIÓN

Villar Lópezpez | EFE

28 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos moi dados a non querer ver o que non nos interesa e, ás veces, damos de fociños contra a realidade. Na vila en que vivo os vinte e cinco graos sempre foron un límite para min. A partir de aí, a calor xa me amola, algo que lles fai graza aos meus cuñados madrileños. Non quero pensar o que diría un cordobés ao respecto. Un pode pensar que as palabras que Teresa Ribera usou no debate sobre as medidas de aforro enerxético son un chisco esaxeradas e apocalípticas para seren ditas por unha ministra, que tamén é a terceira vicepresidenta do Goberno español. Se cadra, no momento en que dixo que este verán de tanta calor pode ser un dos máis frescos dos vindeiros anos estaba a se defender de quen aínda xoga ás bromas co cambio climático, un invento da esquerda. Con todo, o máis doado sería pensar que esa intervención foi unha pequena arroutada da ministra para que tomemos en serio todas as medidas que nos agardan no futuro. Pero a min as palabras póñenme medo, porque entendo que ela estará ben asesorada para lanzar semellante profecía. O certo e que este verán foi insoportable non só por todo o que suamos, senón tamén porque a calor habitou conversas e noticias coma se fose un novo andazo bíblico. Está claro que, para ese turismo que gusta de se poñer ao sol, este ano foi formidable e agora todos volven aos seus lugares de orixe tostados coma cangrexos. Mais para as persoas que gustamos máis das sombras, con este verán de semanas enteiras por riba dos trinta graos agardamos que o prognóstico de Teresa Ribera non sexa máis ca unha ameaza sen fundamento e, con certeza, deberíamos estar dispostos a aceptar as medidas do Goberno para frearmos o cambio climático e volver á felicidade dos vinte e cinco graos, que agora xa mesmo me parece fresco de máis.