Criadas e señoras

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

LUDOVIC MARIN / POOL | EFE

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo mentres esmorece Isabel II e a persoa que traballa na casa cantaruxa feliz. Acaba de saber que á fin vai ter dereito ao paro, corenta anos despois daquela mañá de cando tiña 14 en que comezou a traballar limpando unha casa onde non lle deixaban beber auga polos mesmos vasos dos señores. «Terei que pagar eu esa cotización?», pregúntame. De súpeto, apaga a aspiradora. Mírame desconfiada: «Ou é que me vas despedir e vou precisar o paro?».

O mundo divídese entre quen, como a raíña Isabel II, non contempla na súa boca a sucesión de sons paro e todos os demais. Logo, na cuneta das que non lle importan a ninguén están as criadas que, de teren a sorte de ser legalmente contratadas, nin sequera teñen paro. Son esas ás que Jean Genet (un francés marxista e homosexual cuxos marabillosos libros Vox queimaría de boa gana) dedicou un drama que reinterpretou o sanguento asasinato ocorrido en Le Mans vinte anos antes da coroación de Isabel II: dúas criadas escravizadas acoitelaron á señora despois de xogaren a ser raíñas por unhas horas. Aínda así, esas traballadoras, polo xeral pobres e estranxeiras, non adoitan matar a ninguén, malia seren esquivadas pola xustiza que legalizou a súa escravitude.

Isabel II, tras sobrevivir a centos de criadas, ten o mérito desmedido de recoñecer tan axiña como en xuño deste ano que o uso e abuso da escravitude na Commonwealth que tanto ben fixo aos seus múltiples palacios foi, digamos, feocho. Pero en España nin caso á raíña que mesmo gusta aos republicanos: aquí quedan milleiros de escravas, pois a metade das criadas traballan sen contrato, cargando ao lombo coa merda allea polas migallas dos dereitos que os demais, sen a máis mínima mala conciencia burguesa, conseguimos só para nós.