O conto das iranianas

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CLEMENS BILAN | EFE

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Marabíllome da nosa capacidade para fascinarnos cos relatos de ficción e deixar de lado o feito de teren sido creados como alerta sobre a realidade. Ou alguén pensa que Margaret Atwood creou O conto da criada só para que nos entreteñamos diante da tele tardes enteiras, coma se as desventuras de Defred fosen Heidi? A propia Atwood dixo en repetidas ocasións que, na primavera de 1984, cando comezou a escribir a súa novela, estaban esbarroándose as recentes conquistas do movemento feminista: nos EUA, acababa de quedar fóra da Constitución a Enmenda para a Igualdade de Dereitos, e había cinco anos que un grupo integrista relixioso semellante ao do seu libro tomara o poder en Irán, sendo as mulleres obxectivos principais da súa tiranía. 

Catro décadas despois, aí seguen os aiatolás co seu particular conto da criada, perpetuándose sen que nós, sentadas no sofá vendo Netflix, parezamos decatarnos de que a realidade superou a ficción. Esta semana, sen ir máis lonxe, Mahsa Amini, de 22 anos e co veo mal colocado, foi asasinada ás mans da temíbel Policía da Moralidade iraniana. Con razón, rapar o cabelo é xesto de protesta en Irán, ese país co que España, aínda en febreiro deste ano, trataba de estreitar lazos malia o bloqueo económico, e cando soubemos que enriquecían uranio. Lembran? Xa se sabe: maltratar por decreto ás mulleres desde 1979 non provoca á comunidade internacional como provoca iniciar un programa nuclear coma o de Estados Unidos ou Francia. 

Somos hipócritas e ególatras, iso é todo. Quizais por iso non nos decatamos de que as mulleres do mundo son nación. Ou quizais sexa, simplemente, que só hai que converter en series as ficcións máis feministas da historia para lograr adormecernos.