Xuíces polo patrimonio

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis E. F.

05 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consejo General del Poder Judicial e a Xunta de Galicia veñen organizando en Compostela uns cursos sobre «La protección del patrimonio histórico y su conexión con el régimen urbanístico». Baixo o impulso de Dolores Rivera, presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, reúnense anualmente xuíces e maxistrados con representantes da Administración autonómica e estudosos do patrimonio nun debate rigoroso e necesario en torno á protección do patrimonio cultural, o papel do planeamento, a responsabilidade das administracións e as súas consecuencias lexislativas e xurídicas.

É este un exercicio eficaz, en tanto que a lexislación emanada dos parlamentos, os instrumentos de planeamento redactados polos concellos e as sentenzas xudiciais dan lugar a un corpus normativo que, máis alá da estrita disciplina urbanística, tan útil para evitar os atentados ao patrimonio, ofrece unha perspectiva necesaria para seguir profundando nos temas patrimoniais.

Pero a lexislación non pode debuxar —para iso está o proxecto— e deixa baleiros intencionados para facilitar, por exemplo, a intervención nun inmoble en ruínas para convertelo en hotel, ou no interior dun edificio protexido para habilitalo como vivenda. Un lapso interpretativo que permite introducir a nova arquitectura no contexto patrimonial, co reto de dialogar co pasado construído deixando atrás o historicismo que buscaba a mímese sen reparar no recurso ao pastiche. É neses ocos onde poden xurdir os conflitos de intereses públicos e privados que derivan en litixios e sentenzas.

A clave para conciliar o patrimonio histórico e a nova arquitectura é a calidade do proxecto. Pero quen ditamina a calidade? A boa arquitectura non nace do consenso, senón que esixe un nivel de tensión no debate do proxecto, un longo camiño de contraste que, normalmente, se dirime no seo de comisións asesoras especializadas formadas por representantes das administracións e expertos. En España temos unha lexislación garantista, a diferenza doutros países onde a decisión última sobre a licenza é política e non admite recurso.

A implicación da sociedade na protección é esencial, pero require algo máis que ampulosos discursos e declaracións oficiais de interese mundial que, en certo modo, invitan a delegar toda a responsabilidade sobre o sector público. Nos últimos anos a conciencia colectiva respecto ao patrimonio evolucionou en termos positivos, pero o desafío pendente é practicar un exercicio asiduo de consciencia e reflexión sobre o que acontece no noso contorno.