Pierre Nora dicía que a historia é unha entidade que sempre sospeita da memoria e propón destruíla. De aí os atrancos de nos enfrontarmos coa memoria dos vencidos, con esas voces reprimidas pola historia oficial durante o franquismo. Os monumentos, os arquivos, os cemiterios, os aniversarios ou as rúas deberían ser algo simbólico que atesoure a memoria dun pobo e nos axude a ter un sentido de pertenza.
A democracia podo ser un punto e á parte, pero máis ben foi un punto e seguido se reparamos nos defensores que aínda hoxe semella ter a ditadura franquista. Mais tamén somos conscientes de que non hai maior inimigo para un ditador que a intelixencia e o pensamento. Sabíao ben Millán Astray, que non puido termar do seu violento desexo de matar cando espetou a súa famosa frase nada menos que no paraninfo da Universidade de Salamanca. O actual alcalde de Madrid semella aceptar esa tese para xustificar dun xeito absurdo que unha rúa que leva o nome do militar franquista hai que a manter porque seica xa a tiña antes da Guerra Civil. Pois mira que ben! E un pregúntase, extenuado, se é ignorancia ou fanatismo ese sentido nostálxico de moitos para branquearen mesmo o franquismo máis vulgar e sanguinario. Que clase de sensibilidade podemos agardar de alguén que non entende a dor das vítimas, mesmo desas que, coma un escudo contra o trauma do pasado, se negan a volver a ollada atrás por mor dese medo levado en silencio durante a ditadura. Resulta perverso darlle mil voltas á realidade e non debería ficar impune a gabanza a un golpista. Conciliar non é esquecer. Negar o pasado non é máis ca un intento de matar a intelixencia.