Expertos, expertiños e expertazos

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri CATEDRÁTICO EMÉRITO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

22 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Dicionario da Real Academia Galega define a un experto como a persoa que ten moito coñecemento ou experiencia sobre unha materia, é dicir, aquelas persoas que teñen amplos coñecementos e entenden moito de determinados temas, o que lles permite facer valoracións fundamentadas. Debemos entender que a condición de experto non debería ser por virtude infusa, senón que debe estar avalada por un coñecemento certo dos temas, baseado no saber dos seus principios e causas, e que ademais debe ser demostrable.

A atroz pandemia que hai tempo levamos padecendo, trouxo como consecuencia a adopción polos poderes públicos de plans, protocolos, guías e outras medidas sociais, amais de accións preventivas e de protección que fixo que o excedentario de listos nacionais as escudriñaran ata o paroxismo, o que puxo en evidencia que somos un país desbordante en expertos. Os medios de comunicación demostran que xorden expertos ata debaixo das pedras. Todos somos testemuñas de múltiples intervencións e artigos de opinión: desastrosos, mediocres, pasables ou brillantes que poñen de manifesto que existen moitas categorías de expertos. A saber:

Experto sensu stricto: aquel que é consciente das limitacións dos seus coñecementos, sabendo sempre con claridade en que temas está versado e sobre os que non pode opinar. Recoñécese porque, cando non sabe, remite ao interlocutor a un colega máis formado na materia. Posiblemente é raro e o menos frecuente.

Experto de amplo espectro ou poliexperto: aquel que opina de todas as materias relativas a calquera tema. Sabe un pouco de todo e moito de nada. Recoñécese por unha certa prudencia porque normalmente comeza dicindo: «Mire vostede, eu non son experto no tema, pero...». Este tipo parece de carácter aberto e con facilidade de palabra.

Experto opinador ou blablaexperto: aquel que se declara inicialmente inexperto no asunto que se discute, pero esténdese notablemente en cada intervención, sen dicir nada substantivo. Identifícase porque ten o don da ubicuidade, xa que sempre está presente en todos os coloquios. Soe ser moi simpático e amigable.

Experto académico ou doctoexperto: aquel que pola súa posición académica, debería estar obrigado a ter un profundo coñecemento do tema para o que se lle require, pero o seu status impídelle recoñecer publicamente a súa ignorancia. Identifícase porque cando non ten as cousas claras, sempre inicia a súa intervención dicindo: «Ben, realmente eu creo que a este asunto poderíanselle dar varios enfoques...», pero como ten unha certa formación, expón varias posibilidades das que espera que unha sexa a acertada.

Experto a distancia ou telexperto: aquel que a súa fama transcende as fronteiras da área xeográfica da súa acción habitual de traballo. Identifícase porque as súas fórmulas e conclusións valen igual para calquera sitio ou circunstancia.

Experto capitaliño ou matriexperto: aquel que di ter un sólido coñecemento de tódolos temas, cunha formación imbuída centripetamente. Recoñécese pola súa localización e por ser o representante paradigmático do centralismo mesetario.

Experto enigmático ou ignotoexperto: Aquel que todo o mundo descoñece pero que é o máis xenericamente nomeado en roldas de prensa e medios de comunicación. Soe actuar en grupo. Sábese da súa existencia por boca de acólitos pero ignórase quen é e cuestiónase se realmente existe.

Expertiño imberbe ou neoexpertiño: aquel de brillante e espectacular carreira, superespecialista nun determinado tema e autosuficientemente posicionado na cúspide da pirámide do saber. Identifícase porque aínda non é consciente da inmensidade do coñecemento.

Expertiño casual ou preexpertiño: aquel que atende a un requirimento destinado a un experto ausente e que se anima ante a presión dun interlocutor necesitado dunha opinión. Soe recoñecerse porque argumenta as súas intervencións cunha mestura de oído, intuición e formación.

Expertazo: aquel no que a súa sabedoría é inherente ao cargo que ocupa, xeralmente designado por sistema dedocrático. Distínguese polo seu porte e por un verbo críptico e confuso. Soe padecer graves problemas de audición e encastélase con facilidade.

Superexpertazo, megaexpertazo ou hiperexpertazo: tres variantes nominais dunha mesma categoría que inclúe aquel cunha valía e coñecementos avalados politicamente. Recoñécese porque cando intervén, levita. Son moi escasos pero repetitivos, as veces só 2 ou 3 por partido.

É posible que o tempo permita ampliar a relación con novas categorías aínda non descritas, pero esta sinopse representa hoxe en día a revisión máis actualizada.