Montero e as outras razóns

OPINIÓN

FERNANDO VILLAR | EFE

22 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comprendo a revolta da xudicatura polas críticas que lle fixo Irene Montero, acusando os seus membros de machistas pola interpretación da famosa lei do só si é si, que dito en galego mesmo suxire unha escala musical.

 

Mais, aínda que a letra da canción soa ben, a música seica está un pouco desafinada. A ministra, e quen a asesore, tiñan antecedentes dabondo para concluír que hai moitos xuíces, e xuízas tamén, que son machistas e andan faltos de formación en perspectiva de xénero, e, con todo, deixáronlles uns cantos flocos abertos á interpretación para aplicar o principio xeral de retroactividade da lei penal favorable. Ese foi o erro, ademais de pensar que unha maior sanción na lei era un argumento de forza para explicar que o que se estaba a buscar, non o dubido, era a garantía dunha maior protección para a liberdade sexual das mulleres. E aí é onde máis comprendo e apoio a ministra, que está a recibir un desprezo e un odio virulento poucas veces visto na nosa democracia.

Non quero nin imaxinar a que se desatará no futuro cando se aprobe, agardo que si, a lei trans. Daquela non haberá lupas dabondo para calquera licenciado en Dereito que procurará atopar o máis mínimo matiz solto co que criticar a lei e, por descontado, a ministra. Están no seu dereito.

Eu rexeito as visións paternalistas e absolutas, e recoñezo que non me gustaron as formas coas que Irene Montero se dirixiu á xudicatura no seu intento de defender a reforma. Agora ben, teño claro que para unha boa parte das persoas e medios que intentan derrubala cun odio tan visceral e desmedido, as eivas da lei non é o que máis lles importa.

Na miña opinión, o que non aturan os críticos é que sexa unha persoa de esquerdas, compañeira de Pablo Iglesias, muller e, sobre todo, feminista.