As tres árbitras de Catar e os outros
OPINIÓN
Bo día Stéphanie, Karen e Neuza, ben feito! Inédito trío arbitral nun Mundial de fútbol masculino, e sobre céspede catarí (que non é cousa menor), no Costa Rica-Alemaña, o Mundial de (a)Catar —unha chea de normas, prohibicións, restricións—, chegou coa desvergoña e voracidade (extra)deportiva, saíu coa súa, ten a medio mundo mirando para alí, malia non comungar cos seus opacos inputs. Se aquí hai algún fin, non xustifica os medios. Cómpre pór en valor acenos simbólicos, non por cativos, arrichados nun país que conculca dereitos humanos fundamentais; difícil reverter as eivas culturais e políticas que aflixen ás minorías, mais suma no marcador coma un «metagol» do equipo das mulleres do mundo, representado nas que asumiron o rol (unisex) de arbitrar partidos de fútbol do máximo nivel. E non pasa nada, porque nada ten que pasar.
Arestora que o fútbol e a política asulagan (case) todo, hai momentos impagables que retroalimentan esa conexión. Na fase de competición de grupos, as catro candidaturas xunto á selección española, foron mudando entre sí roles efémeros (gañador-perdedor; vitoria-derrota), coma nas trepidantes noites electorais (si, esas nas que ninguén perde). Semella que as fronteiras política-fútbol son ben difusas, noutra ironía espazo-tempo o partido de oitavos, un Marrocos-España, foi á hora da sesta no festivo día da Constitución. Cousas propias da idiosincrasia deste deporte, máis o dato obxectivo que no fútbol 4.0 detecta ao milímetro (o discutible VAR, non é a valado de Melilla; desculpen, con isto último non quixera frivolizar, é moita a indignación e a decepción). Ademais doutras variables, as medicións milimétricas veñen desafiar a Lineker, mentor daquela lenda ou definición xa instalada no imaxinario futbolero dos boomers, na que sempre gañaba Alemaña; lonxe van os tempos dunha sorte de cuasi-bipartidismo balompédico, ou a sensación de que sempre gañan os mesmos. Os goles contrastados suman no marcador, os votos non sempre se traducen proporcionalmente en escanos, VAR da lei D'Hondt se cadra non é tan excelso na medición. Por certo, a presidencia do Goberno sempre foi para un home branco do PP ou do PSOE; cómpre aquí tamén pór en valor a senlleira terna de intelixentes mulleres e competentes arietes no Goberno de coalición. Mais sempre se pode mellorar a posición de xogo. E non pasará nada, porque nada ten que pasar.
Na política, coma no fútbol, todo é relativo; as cousas non sempre son, nin o que semellan ser. A reciprocidade entre ciencia e obxectividade é vital, unha riqueza que a cidadanía debe demandar, sabemos que non é o mesmo ver que mirar, ouvir que escoitar, insultar que argumentar, arrasar que respectar. En sede parlamentaria sempre é mellor un dato que un exabrupto; o falar aí, si ten que ter cancelas, por inapropiado ou disfuncional. As sesións de (des)control están desbocadas por mor do ruído de voces cunha única misión: expropiar terra fértil da democracia sementada. A súa estratexia disruptiva é unha infamia para as nosas institucións, xogar á contra sen fair play na procura feroz do gol da atención mediática non se debe consentir. Formemos a barreira impenetrable dese penalti roubado hai más de oitenta anos; non cabe equidistancia, á marxe das diferenzas, da obriga de disentir no debate de ideas, de diferir nos programas, por mesura, por cordura, e estética, non é comparable sumar con sentidiño e para o interese xeral, que rachar as regras do xogo. Vai tamén moito rebumbio alén do Parlamento, excesos impropios de representantes da cidadanía, sexan da oposición, e máis se son do Goberno. Porén tan importante é despolitizar a xustiza, que o debate estea na acción política, e non en argumentarios ou saídas de ton de todos, todas e todes. A medición no eido do xogo político importa, o xoves no Congreso saíu do banquillo unha lei a prol dun anovado (agardamos que independente) modelo para avaliación (do impacto real) das políticas públicas, sexa benvida. Para próximas convocatorias: xogar en equipo e non encaixar goles en propia —sería moi de agradecer, ademáis de desafiar a Lineker, superar de vez a Brian—. Nos faladoiros de fútbol bule iso de que a España vaille ben xogar cun falso 9; nesta competición, meu fillo dime que o falso 9 xoga co 10, e que funciona segundo o xogo do rival. Cómpre intentalo unha e mil veces, mellor sumar que quedar co marcador a cero. Polo demáis, azos a quen acata as regras, e a quen está a xogar nesa posición.