Nicolás Redondo e a autonomía sindical

Suso Díaz FOI SECRETARIO XERAL DE CC.OO. EN GALICIA

OPINIÓN

María Pedreda

06 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Morreu Nicolás Redondo quen fora secretario xeral da UGT (1976-1994) e deputado polo PSOE (1977-1987); un sindicalista íntegro que mantivo a luz da UGT no período da ditadura no País Vasco e no Estado, nuns tempos nos que este sindicato desaparecera de moitas zonas de España, entre elas, Galicia. O seu compromiso sindical e político, conlevou que fora represaliado en moitas ocasións e procesado polo réxime franquista.

A chegada ao Goberno do PSOE, no ano 1982, por maioría absoluta, trae, sen dubida, políticas positivas para a cidadanía: sanidade, educación, xornada de 40 horas… Pero tamén políticas moi negativas no eido laboral e social.

Moi cedo, no 1984, o Goberno leva adiante a súa primeira reforma laboral, que rachaba co principio de causalidade na contratación, é dicir, establecía por primeira vez que os postos de traballo permanentes nas empresas poderían ser ocupados por contratos temporais, o que levaría á extensión da precariedade, como característica laboral española ata a recente reforma laboral aprobada no ano 2021 polo Goberno de coalición.

No mesmo ano, as políticas da mal chamada reconversión industrial —máis ben redución da capacidade industrial española— deron pé a amplísimas mobilizacións dos traballadores nas empresas e zonas afectadas —entre elas, Galicia— convocadas por CC.OO. e sindicatos nacionalistas, fronte á inactividade da UGT que parecía confiar no que o Goberno fixera: políticas reais de reconversión.

A demanda da autonomía sindical no seo da UGT levou a Nicolás Redondo a fortes enfrontamentos co Executivo en demanda de políticas favorables para a maioría social que non tiveron acollida e que deron lugar a catro folgas xerais no Estado convocadas unitariamente por CC.OO. e UGT.

O proceso de reivindicación da autonomía sindical fronte ao Goberno é o que levou á renuncia dos escanos aos parlamentarios que eran dirixentes da UGT. Por certo, proceso vivido por CC.OO. en 1980 con respecto ao primeiro Estatuto dos Traballadores, que levou tamén a renuncia de Marcelino Camacho como deputado do PCE.

Nicolás Redondo é o construtor fundamental de que a UGT se convertera co tempo no gran sindicato de clase que hoxe representa.

O sindicalismo e os traballadores están de loito polo perda do compañeiro Nicolás Redondo.