Manuel Fraga Iribarne no seu centenario (2)

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ARCHIVO CAS

31 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de perder varias eleccións e deixar construído en España o partido que agrupaba a toda a dereita, Fraga veuse a Galicia para recuperar para os seus o poder que lle arrebataran os socialistas, o centro-dereita non fraguista e galeguista e algún felón. A súa idea da maioría natural borraba as liñas que diferenciaban internamente o centro-dereita, significaba reducir a pluralidade democrática e tamén a diferenza entre franquistas e antifranquistas. O argumento era simple: só unidos poderían gañarlle aos socialistas. A consecuencia inevitable: toda a dereita quedaría unificada no eixo construído polo ex-ministro de Franco. Fóra só quedaba a dereita das tres nacionalidades.

Da súa ocupouse persoalmente, en Cataluña e País Vasco a tarefa era imposible. En Galicia comezou por sumar as súas listas aos Centristas Ourensáns para despois liquidar ao centro dereita de CG e PNG. En catro anos non quedou rastro parlamentario dunha dereita diferente da súa. Misión cumprida. Na súa obsesión simplificadora de que cada espazo ideolóxico se corresponde cun único partido, botou man da norma do 5 % que nas seguintes eleccións levou por diante ao PSG-EG e sepultou definitivamente a EU. Ampliar os votantes con emigrantes foi a súa outra contribución, logrando unha especie de censo de goma para substituír aos fieis electores que ían desaparecendo das listaxes.

Desde que se converteu en presidente traballou arreo a aceptación do galeguismo, da tribo, como el gustaba de chamar. Difícil porque os seus antecedentes non eran os mellores para contentar aqueles vellotes chamados galeguistas históricos. O que non lograba con eles intentouno cos novos. O seu empeño tiña fundamento, o seu «Galego coma ti» xa fora un éxito indiscutible, pero sempre quixera vincularse ao país como galego. Aí quedan as gravacións da inauguración do monumento ao gaiteiro galego organizada polos irmáns Suárez Couto en 1964, en Ribadeo, que rematou co canto do himno galego e máis os cortes de cinta en todo tipo de feiras do viño, do pemento ou do capón.

Chegar a Galicia e propor ideas foi todo un. A administración única foi a máis famosa, tamén o famoso plan de comarcalización ou o intento de coordinación das deputacións. Á hora do balanzo non pode dicirse que ningunha fora adiante. De todas, a máis cara e ao cabo menos útil foi a da comarcalización, era a máis necesaria e acabou sendo o maior fracaso.

O tempo que borra moitas cousas tamén é un grande construtor. Catro maiorías absolutas e dezaseis anos de goberno, favoreceron o legado de Fraga en Galicia. Ao cabo logrou a definición da autonomía galega como un modelo conservador. Quixeron mandalo a Baviera, el quixo facer a Baviera e mal que ben logrouno. Ese legado implica tamén un espazo político que, agás o tempo de estalido pluralista da pasada década, logrou articularse como el desexou, un triángulo das Bermudas de forzas políticas no que a cada espazo ideolóxico corresponde un partido e un grupo parlamentario. Fraga necesita biografías.