Tal e como nós concibimos o 8M e antes de saber da existencia doutra convocatoria, consideramos que a data merece contar cun chamado feminista aberto a todas, sexamos mulleres organizadas en asociacións ou colectivos feministas, ou non. Entendemos que convocar a manifestación de Santiago como Movemento Feminista de Compostela fai partícipe a todas, sen divisións, dunha data que, aínda que debera ser os 365 do ano, é unha xornada clave de loita e reivindicación do feminismo a nivel global. Somos conscientes de que aínda queda moito traballo por facer para a conquista dos dereitos de todas as mulleres e que as nosas reivindicacións son concordantes porque se articulan entorno ás mesmas preocupacións: a precaridade laboral e a fenda salarial, a feminización da pobreza, as múltiples expresións de violencias machistas no eido laboral, social e intrafamiliar, e tantas outras. Precisamos de educación feminista para construír un mundo equitativo e con xustiza social. Queremos lembrar tamén que o feminismo é un movemento interseccional que ten por principio a sororidade entre todas as mulleres, en toda a súa diversidade. As mulleres non somos só a metade da humanidade, senón que somos a humanidade. E como tal, non imos deixar que ninguén escriba a historia por nós, con todas as nosas diferencias e en toda a nosa diversidade.
O 8M é unha data clave para nós. Unha data de reivindicación feminista, de celebración polo conseguido e de loita por todo o que queda por conquistar. Unha data de encontro e de sororidade entre todas nós. Porque estamos e seguimos todas xuntas, na nosa diversidade, que non fai máis que enriquecer este movimento no que cada día máis mulleres avanzan xuntas. E así imos seguir facéndonos escoitar en todos os ámbitos, até que consigamos todos os dereitos para todas as mulleres.