Hai 40 anos, nas eleccións municipais de 1983, os socialistas galegos obtivemos o 27,52% dos votos, cunha suba importante respecto ás primeiras municipais, e acadamos as alcaldías de Vigo, A Coruña, Santiago e Ferrol, entre outras. Mentres os conservadores obtiñan maioría electoral en Galicia, o PSdeG marcaba a súa implantación municipal, especialmente na Galicia urbana, a máis dinámica e cambiante, pero tamén en moitas vilas e concellos pequenos. E as boas experiencias dos gobernos locais socialistas foron asentando, ata hoxe, e situando ao PSdeG como unha garantía para a cidadanía na defensa do seu benestar, do seu progreso e dos seus dereitos.
Esta primavera comeza un tempo electoral que, en pouco máis dun ano, levaranos a votar consecutivamente en municipais, xerais e autonómicas. Malia que os resultados dunhas eleccións non son directamente extrapolables a outras, a comparación dos resultados deste 28 de maio coas anteriores municipais permitirá analizar a tendencia de cara aos procesos futuros. Por tanto, a porcentaxe de voto obtido o 28-M será un primeiro test da dinámica electoral das distintas forzas políticas.
Os socialistas galegos vimos dunha etapa de crecemento global nas eleccións xerais, municipais, europeas e autonómicas de 2019 e 2020; unha etapa na que rachamos coas tendencias de caída experimentadas durante a década anterior, dende 2009. De feito, en 2019 acadamos os mellores resultados en eleccións municipais na nosa historia, cun 32,82 % dos votos, o que se plasmou na presidencia de tres das catro deputacións, na alcaldía de cinco das sete grandes cidades galegas, en 1.181 concelleiros, en 111 alcaldías e en ser primeira forza na cidade de Ourense.
Se en 2019 subimos en Galicia máis de seis puntos con respecto ás anteriores municipais, agora, para o 28-M, cómpre aproveitar a inercia do tempo anterior e a boa xestión local para volver mellorar a porcentaxe de votos. Fronte a un PP con enormes dificultades para obter maiorías absolutas, o PSdeG máis municipalista non debe saír a manter os gobernos pola mínima, porque a imaxe de poder é só un espellismo das tendencias se non acadamos un maior apoio electoral. Así o asumiu tamén o noso secretario xeral cando chamou a «gañar as próximas municipais e mellorar en resultados» na apertura do curso político. É o mellor compromiso para afrontar as vindeiras xerais e autonómicas.
Porque aínda que se repite ata a saciedade, sen moita finura de análise, que nas municipais a xente vota segundo o candidato e que o partido non importa, a evidencia empírica amosa certos patróns. Por exemplo, as tres cidades da provincia da Coruña pasaron do PP no 2011 ás Mareas no 2015, e regresaron ao PSdeG no 2019. Incluso o mesmo candidato socialista que perdeu en Santiago en 2011 conseguiu regresar á alcaldía en 2019 co vento do PSdeG-PSOE a favor. Só o alcalde de Vigo acredita, na Galicia urbana, unha dinámica propia coa que é quen de chegar ao 68 % do electorado.
A estratexia de 2019 baseábase nun proxecto galeguista, federalista e de esquerdas capaz de defender ao Goberno de España e de confrontar con Feijoo, e que deu espazo ao municipalismo sen depositar nos seus principais cargos o temón do PSdeG. Funcionou. Os socialistas crecemos en toda España catro puntos naquelas municipais, mentres en Galicia a suba superou os seis puntos. Tamén a porcentaxe de voto socialista foi superior en Galicia que no conxunto de España, algo non habitual. Agora, cando o municipalismo lidera o PSdeG e defende que «Galicia é a suma de 313 realidades», debe ser o momento de cumprir os retos marcados e situarnos como primeira forza. Aválannos as experiencias dos nosos gobernos municipais, porque cada alcaldía socialista é garantía de boa xestión para a súa veciñanza.