O Camiño de Santiago a 3.000 metros de altura

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

-

22 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña familia decide facer unha excursión ao santuario de Monserrate, situado nun monte a tres mil metros de altura. Eu teño unha lesión antiga nun xeonllo e o de subir e baixar costas é o que peor lle senta. O traumatólogo advertiume hai xa anos que andase por chairo e que collese ascensores, nada de escaleiras, pero as cousas na vida son máis complicadas. Levo meses vivindo no alto dun monte, aire purísimo, vistas fermosas, pero para facer exercicio teño que nadar ou andar nunha maquina porque todo o demais é subir e baixar escaleiras ou ramplas tremendas. É un sitio privilexiado e sería inxusto queixarme. Cóntoo para aclarar que me unín á excursión con escaso entusiasmo.

Deixamos o coche nun aparcadoiro previamente reservado e subimos nun teleférico. As vistas son impresionantes, pero desde alí ata o santuario de Monserrate hai unha pendente tamén impresionante. Subimos amodo porque o meu xeonllo empeza a queixarse e eu a renegar das alturas. Estou a piques de dicir que sigan subindo eles e que eu quedo admirando a inmensidade da cidade de Bogotá, que se estende como un mar alá abaixo. Pero de súpeto, un pouco máis arriba, creo ver algo, algo que me parece imposible, que non o van a crer: ¡nunha pequena columna de cemento o sinal do Camiño de Santiago! A emoción embázame os ollos. Esquézome do xeonllo e subo ata apoiarme nela: é unha doazón de Galicia ao santuario de Monserrate e á cidade de Bogotá. Si, amigos, aquí está Galicia, a tres mil metros de altura, sigan esa frecha que os levará, sen perda, ata o final do camiño, ¡ata Santiago de Compostela!