Anda a xente alporizada estes días co asunto da beleza das mulleres galegas. Unha plataforma dixital, baseándose nos comentarios dos usuarios, debuxou un prototipo de muller por comunidades. A galega subiu a media de idade considerablemente. E armouse. Busquei na mesma plataforma o que pasaba cos homes. Hai máis uniformidade, pero tampouco pensen que o galego sae moi ben parado... Pero iso non importa, porque, unha vez máis, a quen se lle esixe beleza é á muller.
O que non debemos perder de vista é o punto de partida do proceso. A plataforma baséase en datos, en comentarios. Non inventa. Esa é a base da intelixencia dixital. Apoiarse en información existente para crear outra nova que poida dar resposta a diversas cuestións. E aí, no que se conta, está o problema. Ou a solución!
Que se di dos galegos e das galegas? Estamos conformes? Se non é así, por que non tiramos de fachenda, rebatemos e loamos as nosas virtudes que, coma os demais, temos? Deberiamos ser máis combativos. Responsabilicémonos sendo máis respectuosos con nós mesmos, valorarnos e arrouparnos. Que dicimos de nós nas redes sociais? Que amosamos a través da televisión, da radio, dos xornais? Que é o que consumimos? Porque, no fondo, todo iso é o que somos. Así que conciencémonos e impulsemos as nosas virtudes. Merquen libros, queixo e arte galegos. Vaian ao cine, teatro, concertos, espectáculos... da casa. Aplaudan os logros, non ridiculicen. A nosa beleza vive neses actos, na responsabilidade. Sexamos xente bonita.