O Xabarín abriu as portas ao galego a toda unha xeración. A televisión transmitía para a mocidade con toda a forza do noso idioma, rachando prexuízos sen pedir permiso.
Hoxe, a oferta en galego para a mocidade e a infancia é moito inferior. Da súa necesidade deron conta máis de 33.000 sinaturas que reclamaron igualdade para o galego no audiovisual perante o Parlamento de Galiza. A Iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, votouse por unanimidade. Esperamos que en poucos meses comece a ser realidade.
Mentres, poucos datos abondan para ver como estamos: no conxunto das principais operadoras de paquetes de televisión a presenza do galego en contidos temáticos infantís é dun 0,33 %, só ofertados pola TVG. Polo demais, ninguén é capaz de cumprir coa garantía que supostamente dá a lei audiovisual de contidos na lingua propia para menores de 12 anos. Nin sequera a pública CRTVE na súa canle infantil Clan ten un só segundo en galego.
As dificultades para arrincar pequenas concesións ao galego na lei audiovisual convertéronse en facilidades para o seu incumprimento. De novo, dereitos para o galego coa condición de non se exerceren.
Voltámolo pór en evidencia no Parlamento Europeo. O seu intergrupo de linguas convidou á Mesa pola Normalización e a Asociación Galega de Produtores Independentes. En Estrasburgo, presentados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e diante de eurodeputados de todos os grupos parlamentares, puidemos retornar de novo ao Xabarín como exemplo da necesidade da presenza das linguas en igualdade de condicións no audiovisual, nas cotas de catálogo, de financiamento ou de dobraxe. No camiño que comezamos co Xabarín e a iniciativa polo galego no audiovisual animamos a outros pobos de Europa a reclamaren igualdade para as súas linguas nos contidos televisivos.
Está a debate un informe do Parlamento Europeo sobre a directiva do audiovisual para clarificar os termos nos que as lexislacións estatais deben aplicala, tamén en relación ao recoñecemento real e concreto da pluralidade lingüística. O audiovisual referencia moitos aspectos da nosa vida social e cultural, tamén no lingüístico. Contarmos con plena presenza e dispoñibilidade de galego en todos os ámbitos e funcións, tamén en programas, filmes e series, en versión orixinal, dobrada ou lexendada, é unha absoluta necesidade e urxencia para a pervivencia da lingua galega e de Galiza como pobo. É posíbel, o Xabarín demostrouno.