Cando subimos ao Uber no aeroporto de Nova York, Julio, o condutor, tiña posta unha canción de Julio Iglesias na radio. Así que puxémonos a charlar, comezando cunha frase que ultimamente me escoito dicir moitas veces (pois Julio Iglesias soa nos lugares máis inesperados do mundo): «A súa familia paterna era do mesmo lugar do mundo do que somos nós». Entón, o condutor comentounos que o seu pai era un gran fan do cantante, tanto como para pórlle ao seu fillo Julio Joseph, na honra do seu ídolo. Sabía todas as súas cancións en francés (até ese momento non me decatara de que o que estaba a soar na radio estaba precisamente nesa lingua): «O fan era o meu pai, pero a súa paixón era tan grande que nola contaxiou a todos na casa». Julio Joseph é haitiano, chegou aos EUA no seu segundo ano da carreira de dereito e aínda que a súa idea non era quedar, a situación do seu país de orixe fixo que ao final construíra a súa vida nunha cidade na que todos somos de todas partes pero tamén locais. Durante a hora e pico que estivemos metidos no atasco, falamos de todo un pouco: da realidade en Haití, da realidade en EE.UU., da realidade en España; do que significa vir para non quedar e levar aquí vinte anos... E en cada momento había unha canción de Julio Iglesias acompañando as nosas reflexións: La vida sigue igual, Me olvidé de vivir, Vuela alto... De súpeto pensei no papel da música nas nosas vidas, na capacidade que ten para conectarnos e facernos lembrar a memoria dos nosos pais, sexan de Haití ou de Ourense. Pero tamén pensei nesa curiosa identidade cultural creada por Julio Iglesias, nesa banda sonora que herdamos e que xa forma parte das nosas vidas.