O traballo indigno

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Álex Cámara | EUROPAPRESS

12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño a sorte de pertencer a unha xeración, quizais a derradeira, que sabía que ao rematar os seus estudos podería traballar no seu. Non se tardaba moito. Un sabía que se formaba e que logo o mercado de traballo te colocaba máis ou menos para toda a vida. Hoxe, nin por asomo existe esa posibilidade. Na actualidade, ter un traballo non significa poder independizarte, ter unha vida digna, chegar a fin de mes. Os patriotas de chiquitas no bar din que a mocidade é egoísta porque non quere ter fillos. E como han ter fillos se reproducirse implica ter confianza no futuro, ou sexa, vivenda e medios económicos de sustento? Traer un fillo ao mundo é un acto de fe no porvir, e aínda que hai 40 anos os Sex Pistols cantaban aquilo de No Future, o certo é que non hai futuro hoxe. Non para os menores de 40. Os indicadores relacionados co traballo indícano así: emancípanse cos anos nos que outros tiñamos xa crianzas na adolescencia.

Moitos traballadores e traballadoras, non só os que están comezando asumen sen traumas a autoexplotación. Xa non falamos dos traballadores autónomos, senón dunha parte cada vez máis grande da poboación que contempla como ano tras ano teñe que traballar máis para ter máis ou menos o mesmo que outros tiñan hai un par de décadas. Hai estudos que sitúan os soldos nos niveis dos primeiros anos deste século. Pero todo é máis caro. Cada vez, xa que logo, somos máis pobres. E todo isto ao tempo que os que deben atopar as fórmulas para mellorar isto xogan coa semántica e xa nin se molestan en chamar aos parados, como era en tempos, «desempregados». Agora, pretenden que esa mocidade que xa fixo unha carreira, dous másteres, sabe tres linguas e fixo de todo a cambio de soldos miserables ou directamente nada, se converta en «emprendedora». A linguaxe é así de perversa. É algo así como: non tes dereito a ir á oficina do paro, tes que ser un emprendedor, senón saes adiante é culpa túa.

Este maio comezou coa Festa do Traballo do primeiro día do mes. Saímos á rúa a berrar o obvio o mesmo día no que en Almonte, na provincia de Huelva, envorcaba un autobús con 38 traballadoras temporeiras, do campo. O autobús deu a volta ao mencer e morreu unha traballadora e houbo 7 feridas graves e 25 con distintas lesións. As novas que escoitamos non insistiron moito en que eran traballadoras marroquinas, non españolas. Son as que veñen facer todo iso que os españois non queren facer. Esas mesmas que veñen a traballar o noso campo e ademais teñen que aturar aos de Vox sinalando que «veñen quitar o traballo aos españois». A eses nativos, seica, que aínda que estean tan mal como están, nin sequera queren facer certos tipos de traballos.

Envorca a dignidade. A que debería darnos o traballo a todas e a todos.