A Organización Meteorolóxica Mundial sobresaltounos esta semana cun anuncio: nos vindeiros cinco anos haberá un 66 % de posibilidades de que a temperatura global do planeta supere por primeira vez os temidos 1,5 ºC de subida con respecto aos valores da época preindustrial (mediados do século XIX). Isto non quere dicir que rachemos ese perigoso límite que se marcara no acordo de París (para iso tería que sosterse a subida varios anos), senón que será un valor puntual debido ao fenómeno de El Niño (o quecemento da zona do Pacífico sur americano). Con todo, espéranos un panorama desolador, no que case con total seguridade se romperán récords de vagas de calor. A ONU alertou hai unhas semanas que se nos acaba o tempo: ao ritmo que vamos, nunha década esgotaremos a marxe de subida de emisións para evitar, cun 50 % de probabilidade, superar o límite marcado en París, a partir do cal empezarían a quebrarse en cadea moitos dos equilibrios do planeta.
Como está máis que acreditado, ese quecemento é produto da contaminación producida pola humanidade, na que China ten un peso notable. O que non é tan coñecido é que China está a facer esforzos importantes para reducilo. Tras máis de dúas décadas de observación con satélites da NASA, vén de constatarse que o nivel de polución do aire en China está caendo de xeito sostido dende 2013, ano no que ampliou o seu plan de control de emisións industriais. Van lentos (esperan acadar a neutralidade de emisións en 2060), pero xa contan con evitar os seus famosos días de alta polución no ano 2025.