Hoxe cúmprense 30 anos da creación da primeira páxina web de Galicia: a da Facultade de Física da Universidade de Santiago. O 17 e 18 de xuño de 1993 tiveron lugar no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) as Primeiras xornadas de informática e comunicacións de apoio á investigación, nas que o profesor Juan Antonio Garzón (do Departamento de Física de Partículas) convidou como conferenciantes a Miguel Ángel Marquina e Ignacio Reguero, da Organización Europea para a Investigación Nuclear, o famoso CERN de Xenebra. Nese xigantesco templo da física mundial puxérase en marcha un par de anos antes un novo sistema para a transmisión de información entre computadores, baseado no chamado «protocolo de transferencia de hipertexto» (o famoso http, que fai saltar dunha páxina a outra ao clicar enriba de certas porcións de texto que fan de ligazón entre elas), alicerce da famosa World Wide Web (www). Ao remate do curso, Marquina e Reguero, xunto con Antonio Pérez Casas, responsable da aula de informática da facultade de física naquela época, montaron o primeiro servidor web de Galicia, simplemente para ver como funcionaba o sistema. Daquela eu era un estudante de doutoramento na facultade, e lembro que un colega me ensinara pouco despois a páxina, que xa evolucionara algo, pero que simplemente contiña unha listaxe de liñas con ligazóns de hipertexto. «Fíxate, clicas aquí e sáeche esta páxina. «Ah, vale». Ningún de nós imaxinaba, nin de lonxe, que ese novo sistema transformaría o mundo.