Turismo de excesos

OPINIÓN

Ocean Gate | EFE

27 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ir nun voo comercial ao espazo ou ver os restos do naufraxio histórico do Titanic pode que sexan experiencias fascinantes para quen poida pagar eses prezos exorbitantes que esixen as empresas, pero o simple feito de que exista a posibilidade de os facer xa parece froito dun delirio que agacha outras verdades incontestables que se deben máis á desconexión da realidade da maioría dos mortais e a ostentación dunha opulencia desenfreada ca a outras circunstancias que procure a esencia da descuberta ou a exploración.

O turismo de élite procura sensacións exclusivas, non auténticas, e ilustra ese abismo insalvable que existe entre a xente máis rica e o resto da humanidade.

Agora ben, esta nova tendencia é un símbolo ben frívolo da vaidade que, lonxe de ser unha aventura única, é na realidade unha ilusión baleira, o reflexo enganoso do verdadeiro sentido que pode ter unha viaxe, onde o ser humano se enfronta ao descoñecido e se enriquece co encontro de diferentes culturas e realidades.

Teño para min que moitas das fortunas desmesuradas só queren presumir do seu éxito, ás veces sen medir ben os riscos que corren. Non teño ningunha envexa por ter que viaxar cunha guía emprestada e por rutas convencionais, e non só porque non poida permitirme esas supostas marabillas fuxidías que só están para eses petos infinitos, senón porque non me gustaría formar parte da decadencia dunha sociedade desigual, onde o luxo se converte nun obxectivo en si mesmo e permite que, nesa cultura de excesos, un submarino desafíe o sentido común baixando con catro turistas multimillonarios ao fondo do mar mentres o Mediterráneo segue a ser un cadaleito líquido que acolle milleiros de soños de persoas que só viaxan para poder sobrevivir.