Adeus a un sabio

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días faleceu John B. Goodenough, premio nobel de química no 2019 por ser coinventor (xunto con Akira Yoshino e Stanley Whittingham, a quen tivemos de visita en Galicia hai uns meses) das baterías recargables de ión litio. Son as que levamos nos nosos móbiles e outros aparellos portátiles, un deses inventos que cambian o funcionamento do mundo. 

Goodenough ía cumprir 101 anos o día do apóstolo (recibiu o Nobel aos 97 anos, a persoa de maior idade na historia dese galardón), unha vida abofé longa e na que chegou a ter unha boa relación con Galicia: unha decena de investigadores galegos (das áreas de electromagnetismo e química-física da Universidade de Santiago e de química inorgánica da Universidade da Coruña) temos traballos científicos publicados con el, e dous deles foron ademais discípulos seus.

Era un científico vello, pero cunha visión moderna á hora de abordar a ciencia, rachando as fronteiras entre disciplinas. Graduouse en matemáticas pola Universidade de Yale (con honores), doutorouse en física pola Universidade de Chicago en 1952 (na época estelar desa universidade), no MIT estableceu regras do enlace químico baixo o paradigma da mecánica cuántica e contribuíu á creación da primeira memoria RAM. De aí pasou a dirixir o laboratorio de química inorgánica da Universidade de Oxford, para establecerse na etapa final da súa vida na escola de enxeñaría da Universidade de Austin. Hoxe en día fálase da importancia da visión multidisciplinar, na que Goodenough foi pioneiro e todo un exemplo. DEP.