A novena arte

María López Sández
María López Sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA.

OPINIÓN

25 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun libro xa clásico da semiótica, Apocalípticos e integrados, Umberto Eco deu cun deses títulos engaiolantes que revelan e conteñen o sentido da obra ao tempo que proxectan unha aura de misterio. O escritor italiano comeza por desculparse por semellante efecto inicial, recoñecendo a necesaria simplificación de conter nunha dicotomía tan ousada aos posicionamentos arredor da cultura. Os apocalípticos viven con desacougo os novos tempos, que xulgan decadentes, polo que se aferran a un pasado no que, na festa da cultura, había uns convidados ilustres e non se falaba de certos parentes marxinais. Para os integrados, pola contra, nese movemento de marcos hai algo desexable de dinamismo (e mesmo de democratización) que resulta suxestivo e enriquecedor.

  

Nunha das edicións da obra do semiótico italiano ocupa a cuberta un Superman de banda deseñada e non se nos escapa que a discusión afecta de cheo ao terreo do cómic, da novela gráfica, da animación. A que foi denominada «a novena arte» tardou en acceder ao recoñecemento cultural: concibida como entretemento para a infancia, catalogada de intranscedente, gañou, malia todo, lectores fieis ao tempo que demostraba a súa potencia semiótica, nesa combinación de lingua e imaxe que comparte co cinema. Nos últimos tempos, fixénronse lecturas poscoloniais de Tintín e accederon aos primeiros postos, tanto de lectura como de atención crítica, obras coma Maus, que se achegan a temas tan pouco liviáns coma o nazismo, ou Persépolis, que afonda en cuestións culturais e de xénero e no seu entrecruzamento ou intersección.

 

 

No ámbito galego, tanto a animación como a novela gráfica ocupan lugares de primeira orde no sistema cultural. Por citar só algún exemplo sobranceiro ao nivel dos anteriores, Engurras, de Paco Roca, afonda nun tema tan doloroso coma o alzhéimer e Ardalén, de Miguelanxo Prado, Premio do Salón Internacional do Cómic de Barcelona e Premio Nacional do Cómic, afonda nese tema profundo e esencial: a memoria. Novelas clave foron levadas á versión gráfica, como Patria ou Intemperie, e entre nós, O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. Mesmo a tradución amosa a idade de ouro que está a vivir o xénero: chega estes días ás librerías a versión en novela gráfica e en galego de Os ollos do irmán eterno, de Stefan Zweig. Na versión máis breve, a viñeta, conteñen o mellor da crítica política e social da prensa. Aí temos ao noso Xaquín Marín. Aí está Mafalda.

 

 

 

 

 

 

A cultura escolleu decote loitar contra os prexuízos e as xerarquías, defender contradiscursos e subalternidades: por iso mesmo non lle acae ben o sistema nobiliario que só eleva ao Olimpo uns cantos xéneros. Velaquí a novena convidada á festa da cultura: digámoslle, como se facía nas casas da aldea, que pase ata a cociña.