Chámase Libros. É un municipio de Teruel que conta apenas con cen habitantes. O paradoxo está en que Libros non ten biblioteca.
Aos seus habitantes gústalles ler, pero non conta coa solvencia económica necesaria para dotar o municipio de biblioteca. Así que a asociación Mi Pueblo Lee, en colaboración co propio concello, fixeron un chamamento para recompilar libros para poder abrir unha biblioteca.
E obrouse a milagre. Choveron libros. Con coidado, claro, pois non os lanzaron polo ceo, pero os carteiros e repartidores de empresas transportistas comezaron a facer chegar ao lugar volumes e volumes de literatura. Imaxino os libros, ocupando rúas mentres non teñen un local para organizárense. Formando columnas, como se eles mesmos sostivesen a estrutura da vila. Libros que van marcando un camiño entre as casas, chegando duns veciños a outros. Libros que dan sombra, que fan compaña, que son descanso e sorriso.
Seguro que máis de un está pensando que é unha iniciativa preciosa. Porque o é. Como tamén o sería encher Carballo de árbores Quercus robur. Asolagar o chan municipal de verdor e frescura, de limpeza de ambiente. Soutomaior debía ser a capital dos castiñeiros. Nogueira ou Noceda renderían culto á noz, e Pomedo e Pumariño, á mazá.
Vila de Cruces debera chufarse dunha ruta entre cruceiros e petos de ánimas. E por que non buscar formas nas pedras de Serpe ou Balea que nos lembren ao seu nome? Aquí só fai falta imaxinación.
E en todos eles, libros. Porque historia xa a temos.