![](https://img.lavdg.com/sc/Uu1-yEdSgbfgmHR2cj8qexrIh0M=/480x/2023/08/23/00121692804241675601566/Foto/J04Y8044.jpg)
Leo cunha sensación estraña un artigo neste mesmo xornal que fala das queixas na hostalería polo descenso das propinas. En grande medida, acúsano ao feito de pagar con tarxeta. Por unha parte, hai que cobrar exactamente o importe, pois daría problemas en contabilidade. Por outra, a xente non leva preparadas moedas a maiores para deixar a propina. Porque as propinas, non se contabilizan, é un pago en B. Sorpréndeme que se faga unha reclamación tan aberta de algo que, en todo caso, é ilegal.
Con todo, os tempos actualizan ata isto, polo que xa existen aplicacións que permiten deixar propina nos establecementos e tamén repartilas de xeito xusto entre os traballadores. Así que a modernidade pode axudar para un lado e para o outro.
Hai un par de días, por un refresco, nun establecemento normal, pagamos 2,3 euros. A lata custa 80 céntimos. Ese euro e medio de diferenza supoño que estará calculado para pagar o custo de todo o servizo de tomalo nun bar, e que quede algo de rendemento. A propina é un beneficio a maiores, que non é obriga. Estílase en hostalería, pero insisto, é opcional. En calquera outro ámbito de negocio non se engaden ganancias ao prezo pactado.
A vida subiu. Queixámonos diso a diario. O consumo, anda á baixa. Os agasallos monetarios seguirán a tendencia. E esta vai á baixa. Polo que non sería de estrañar que as propinas baixen. En galego tamén se chama adealla. O que non debemos, en todo caso, é esixir o que non nos corresponde. Aínda que sexan dez céntimos.