Sae á luz estes días un vello vídeo do presentador de Antena 3, Manu Sánchez, erguendo preguntas sobre como debemos facer os homes ante diversas situacións coas mulleres, se as hai que bicar nun acto protocolario, se as hai que deixar pasar diante dunha porta do ascensor ou se temos que axudalas cando van cargadas cunha maleta pesada. As preguntas poderían ter a súa lóxica. O malo é que xa levan incluída unha resposta tácita coa expresión «como toda a vida», que agocha certa benevolencia machista da que o presentador, se cadra, non é consciente, porque entende o ser cabaleiroso como algo histórico, asociado coa actitude protectora e respectuosa dos homes cara ás mulleres. A pregunta que se debería facer o presentador, e nós todos, debería ser outra. Ten cabida nunha sociedade moderna ese ser cabaleiroso que, as máis das veces, está fundamentado na vulnerabilidade da muller? É certo que haberá mulleres que se sintan cómodas con estas actitudes, e outras que só vexan nelas unha teima por perpetuar estereotipos de xénero e desigualdade, mesmo quen argumente que ese ser cabaleiroso se podería reinterpretar e adaptar aos valores do feminismo, con actos de cortesía e respecto mutuo, deixando de ser unha acción unilateral dun xénero cara ao outro…
Pero no fondo de todas as respostas só hai dous elementos fundamentais que debemos entender de vez: a elección e o consentimento. Se as dúas partes están de acordo, pouco poderemos dicir, malia desprezarmos calquera tipo de acto por moi noxento e desnortado que nos pareza. A ausencia deses dous elementos son os que fan que o bico de Rubiales deixe de ser unha actitude vulgar e machista para se converter nunha agresión sexual.