Para emitir un xuízo claro sobre o comportamento violento de alumnos hai que coñecer cada caso en detalle, as circunstancias familiares, sociais e escolares e os diagnósticos emitidos por profesionais do ámbito psicopedagóxico e sanitario. Non obstante, hai tres causas xerais na orixe desta problemática: irresponsabilidade dos pais na educación dos fillos, confusión de autoridade con autoritarismo, e violencia reinante na sociedade.
Aos fillos fáiselles moito mal non poñéndolles límites claros, considerándoos colegas ou dándolles protagonismos para os que non están maduros. Practicar unha educación sobreprotectora, de submisión e de fomento da liberdade total converte aos rapaces en intolerantes á máis mínima frustración, resultándolles imposible superar as dificultades normais da vida. Pouco a pouco vólvense solitarios, sen habilidades sociais e cunha progresiva perda de autocontrol, que acaba por provocar rebeldía e agresividade, que poden agravarse moito nun contexto de acoso escolar.
O auténtico concepto de autoridade tense deformado ata o punto de confundirse con autoritarismo. A auténtica autoridade é un elemento esencial para a normal maduración dos rapaces, pero desde a familia ata a escola ou a rúa brilla pola súa ausencia, o que fomenta pasotismo en quen debe exercela e impunidade en quen abusa dela. A esixencia de dereitos incumprindo os deberes está a minar o labor de bos profesionais en calquera ámbito da sociedade.
E para apagar o incendio con gasolina, os rapaces están rodeados de violencia, na familia, nos medios de comunicación, nas tecnoloxías que usan acotío ou na sociedade. Imaxes dramáticas e comportamentos agresivos de quen debería dar exemplo fan moito dano a mentes sen formar, que confunden ficción con realidade e que, aínda que acaben por se facer insensibles a estes modelos, pagan as consecuencias con medo, ansiedade, depresión ou diversos problemas escolares. O resultado final pode ser agresividade, fracaso escolar ou, o que é moito peor, consumo de substancias aditivas ou mesmo suicidio.
O centro escolar non pode substituír á familia, a quen corresponde educar, pero si ten unha grande responsabilidade en previr e controlar a violencia. O acoso ten que ser diagnosticado con rapidez e tratado con contundencia, da mesma maneira que se deben desmontar moitos falsos casos, cada vez máis frecuentes. Alumnos intolerantes ás frustracións son incapaces de defenderse de situacións de tensión normais na vida ordinaria e que contribúen á normal maduración da persoa. A escola ten que ser moi eficaz na delimitación dos dous extremos para evitar a acusación ou a defensa de quen non a merece.