![](https://img.lavdg.com/sc/Ba9dzPX87WdcmhDbM1BDIXgYZMc=/480x/2023/11/03/00121699038421303607892/Foto/j_20231103_182959000.jpg)
Un periodista con dúas criaturas feridas nos brazos, tan conmocionadas que nin sequera podían chorar. Unha escena máis na cascada de imaxes atroces que, entre a veracidade e o engano, están a converter esta guerra nun feito banal. Onde queda estes días Ucraína, ou os conflitos que non vemos, como Sudán ou o Sahel? «Se queres a paz, prepara a guerra», como se a confrontación bélica de intereses dos grupos humanos fose unha predestinación.
Canta dor podemos aturar a diario? Contemplar a devastación e a barbarie resulta insoportable e acaba por converterse nun sentimento banal. Para poder seguir adiante entre os asasinatos salvaxes de Hamas e a resposta criminal do goberno sionista cambiamos de canal, pasamos páxinas ou saímos da sala, deixando que as imaxes discorran inanes pola pantalla.
En última instancia, quen vén sendo ese outro que sofre ou é asasinado, que se apiña nun peirao de Senegal ou afoga no Mediterráneo? Son acaso inimigos, estranxeiros, individuos sen interese que poden desaparecer ou ser abatidos como pezas de caza? Cando unha persoa vale apenas o intre que lle outorgan as imaxes dos medios, tamén se está a banalizar esas existencias coa nosa incapacidade ou indiferenza...
António Guterres tivo o valor de contextualizar a guerra israelí-palestina e dicir ao mundo o que tantos pensamos. No Cumio sobre o Futuro que propón a ONU deberíase falar de dereitos humanos á luz da filosofía política, porque a relación entre as palabras e o seu significado está en xogo: humanismo e barbarie, xustiza e liberdade, política e moral, razón e perversidade, verdade e mentira, individuo e sociedade, ideoloxía e pensamento, riqueza e pobreza, odio e vinganza, alto o fogo, tregua, armisticio…, como unha posta ao día dun dicionario da guerra para avanzar na senda da paz.
A política que se necesita é a que xorde da democracia e esixe a todos a súa práctica, como acontece con Europa; a que obriga a sentar en torno a unha mesa véndose as caras e non comunica as grandes decisións polas redes, aquela que tenta nivelar as desigualdades, que pon no seu sitio o mercado da guerra, non só a venda de armas, que vai por diante dos conflitos antes de que o odio se transforme en vinganza e destrución. Política máis xeoestratéxica ca xeotáctica, máis gran política ca realpolitik, aquela capaz de limitar o poder do home máis rico do mundo para influír coa súa rede de satélites administrando a información a conveniencia do mellor poxador, aquela que presiona para paralizar o masacre e retirar o apoio a Netanyahu.