Premio Pritzker 2023

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

07 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O premio Pritzker é o equivalente ao Nobel na arquitectura, unha disciplina que é un bico da arte (de feito é unha das sete belas artes) coa ciencia, que cómpre para materializar as creacións espaciais saídas da imaxinación dos arquitectos que resolven un gran número de necesidades da sociedade e do territorio. Este ano o Pritzker foille concedido ao británico David Chipperfield, que ten unha fonda ligazón con Galicia. Mañá intervirá nunha actividade en Santiago de Compostela que inclúe unha parte de homenaxe á súa figura. De feito, a capital galega unirase con ese acto a Londres, Berlín, Venecia, Seúl, Shanghai e Nova York no avance da coñecida como «cerimonia virtual do Pritzker», evocando a cerimonia presencial que tivo lugar na ágora antiga de Atenas.

Ao botar unha ollada ao palmarés deste galardón nos seus 45 anos de vida, atopo nomes que soan na cultura popular, como Norman Foster, Oscar Niemeyer, Frank Gehry, Aldo Rossi, Renzo Piano, Zaha Hadid, Jean Nouvel, Arata Isozaki..., e, entre eles, catro gañadores procedentes da península ibérica: os españois Rafael Moneo e o trío Rafael Aranda, Carme Pigem, Ramón Vilalta, xunto aos portugueses Álvaro Siza e Eduardo Souto de Moura.

Polo que podo comprobar, a arquitectura polas nosas latitudes goza de excelente saúde, non en van posuímos unha tradición arquitectónica de excelencia (consulten por exemplo as listaxes de patrimonio da Unesco).

Parabéns por todos estes logros ao gremio dos arquitectos e aos profesionais que os forman e representan.