Enerxía eólica? Si. Por suposto. Non pode ser unha opción suxeita á libre vontade das respectivas administracións. Porque é unha necesidade que cada día como demostran os feitos con máis empeño: máis enerxía renovable significa máis sustentabilidade, máis autoabastecemento e máis produtividade industrial a menor custo, o que se traslada tamén ás familias galegas no recibo da luz.
Europa é clara ao advertir de que quen invista agora en renovables garantirase un lugar nesta nova economía e creará postos de traballo cualificados, revitalizará a industria e reducirá os custos para os fogares e as empresas. Hoxe, a enerxía eléctrica xerada en Galicia representa o 8,1 % do total do Estado, e a potencia instalada, o 9,2 %. Estamos entre as cinco comunidades autónomas con maior porcentaxe de enerxía renovable do total que xeramos. Tendo en conta os recursos naturais dos que dispoñemos, non é suficiente, porque aínda mantemos unha gran dependencia do exterior. Por iso, é imprescindible que o Goberno contribúa reforzando as infraestruturas da rede eléctrica. Especialmente, nun momento tan crucial para a industria como este.
Galicia ten sobre a mesa unha trintena de iniciativas industriais que van demandar 8 TWh adicionais de electricidade ao ano. Están en xogo investimentos superiores aos 6.300 millóns de euros que xerarían máis de 7.000 empregos directos, que dependen de asegurar a subministración eléctrica. En concreto, os futuros proxectos de Resonac na Coruña e Altri en Lugo, ademais da reactivación da planta de Alcoa en San Cibrao, están suxeitos a acordos de compra de enerxía a longo prazo (PPA) vinculados a novos parques eólicos.
A pregunta que nos facemos é: por que cando se presenta unha oportunidade única para a reindustrialización de Galicia hai voces empeñadas en poñer pedras no camiño e en insistir na falacia da «eólica si, pero non así?» Entón como? Acaso é un erro procurar que o aproveitamento dos nosos recursos naturais reverta no entorno? Querer que o que é de Galicia quede en Galicia? Non é positivo promover unha sociedade de utilidade pública que vele polo desenvolvemento ordenado deste sector?
Dado os prazos que marca Europa, non é prioritario declarar de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica?
Seremos competitivos se investimos en renovables. O contrario só nos leva á deslocalización do sector industrial. Por iso, tendo en conta a protección ambiental e o impulso á industria e ao emprego que propicia a enerxía verde, non se entende a resposta que está dando a Xustiza en Galicia coa paralización de proxectos vitais para o futuro da nosa economía. Estase privando á nosa comunidade, e polo tanto aos galegos, de ser máis ricos e máis prósperos, e de poder competir con outros territorios aproveitando de xeito intelixente e sostible o noso vento, a nosa auga, as nosas minas… o noso patrimonio.
Desde o máximo respecto ás resolucións xudiciais, cando Europa pide axilidade en Galicia non podemos optar pola parálise. A oportunidade, polo tanto, é histórica. E a Xunta vai seguir poñendo todos os medios ao seu alcance para impulsar o desenvolvemento das renovables de forma planificada e con garantías.
O que non é responsable é insistir no negacionismo e desconectar Galicia do que pode ser o seu mellor ciclo industrial.